Print this page

A Galería Mulleres dedica o mes de marzo á investigadora Aurora Marco

Rate this item
(1 Vote)

A Galería de Mulleres da Biblioteca da Muller do Concello de Muxía dedica á investigadora e docente Aurora Marco (Noguera de Albarracín, 1948) este mes de marzo.

Coa Galería de Mulleres destácase cada mes o labor dunha muller no mundo das artes, as letras, a ciencia, ... Cada mes estará dedicado a unha muller e repartiranse carteis nos que apareza esa muller e indicacións para informarse sobre ela ou para acceder á súa obra. Con cada muller destacada indicarase que libro ou libros están á disposición do usuario/a na Biblioteca da Muller do Concello de Muxía, escritos por esta muller ou que fagan referencia á mesma.

Filla de mestra galega, a súa familia trasládase a Galicia en 1957. Na Universidade de Santiago estudará Filosofía e Letras.

Na actualidade Aurora Marco ensina Didáctica da Lingua e a Literatura Galega na facultade de CC. da Educación da USC e compaxina o traballo docente coa investigación, facendo un importante labor de estudio e critica sobre a lingua e a literatura galegas e tamén sobre a muller na literatura e na sociedade.

Aurora Marco defínese como unha traballadora da cultura e, sen dúbida, o seu traballo é unha achega moi valiosa á cultura galega e á dignificación do papel da muller na sociedade. Entre a súa obra atopamos títulos como As precursoras (La Voz de Galicia), A Escola Normal de Santiago de Compostela (Universidade de Santiago), Mulleres e educación en Galiza (Ediciós do Castro), Dicionario de mulleres galegas (A Nosa Terra), ou a súa publicación máis recente, Mulleres na guerrilla antifranquista galega, en Laiovento.