Print this page

A Gala aRi[t]mar Galiza e Portugal 2018 reunirá o mellor da poesía e música dos dous países

Rate this item
(0 votes)

O vindeiro 31 de outubro, no compostelán Auditorio de Galicia, A Gala aRi[t]mar Galiza e Portugal 2018 reunirá o cantante portugués Salvador Sobral, a formación galega A banda da Loba e os poetas Lois Pérez e Alexandre Brea para entregarlles os premios concedidos por votación popular á mellor música e poesía galega e portuguesa do pasado ano. A gala, na que se lerán e se cantarán os temas gañadores, forma parte do proxecto cultural homónimo que impulsan as consellerías de Educación -por medio da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Santiago- e de Cultura e Turismo.

A iniciativa aRi[t]mar chega á súa terceira edición co obxectivo de afianzar os vínculos lingüísticos e culturais dos dous países. Conta co patrocinio do goberno de Galicia e tamén do Concello de Santiago de Compostela, da Deputación Provincial da Coruña, do Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal e o Instituto Camões-Centro Cultural Português de Vigo. Con ela colaboran o Conservatorio Profesional de Música compostelán, a Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago, as EOI de Lugo e de Pontevedra e centros de ensino secundario onde se imparte portugués como segunda lingua estranxeira.

Este proxecto didáctico-cultural difunde cada ano a poesía e a música editadas no curso anterior en Galicia e en Portugal mediante un certame que ten varias fases: na primeira, un xurado selecciona os 10 mellores poemas galegos e portugueses e as 10 mellores cancións en galego e en portugués; deseguido, realízanse as votacións virtuais para elixir a canción e o poema gañadores en cada idioma e, por último, os artistas gañadores, xunto cos poetas escollidos, actúan en outubro na Gala de Premios aRi[t]mar Galiza e Portugal.

Na presente edición de aRi[t]mar, a canción gañadora en galego foi Bailando as rúas, de A banda da Loba; a escollida en portugués, Amar pelos dois, de Salvador Sobral, coñecida por ser vencedora no Festival Eurovisión de 2017; o poema galego seleccionado polos votantes foi Blues do rei Bermang = B. B. King, de Lois Pérez, e o seu equivalente portugués, XXI. Com o ritmo da chuva, de Alexandre Brea Rodríguez.

Por outra banda, o xurado decidiu outorgarlle o premio especial á embaixada da amizade galego-lusófona á iniciativa Convergências Portugal-Galiza e ao grupo musical Cando D’ Aqui, coorganizador, xunto co Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho.

Todos os premiados interpretarán as composicións gañadoras na gala de entrega de premios presentada por Carlos Meixide e Iria Pinheiro que se celebrará no Auditorio de Galicia o 31 de outubro ás 21.00 h. As entradas para o evento poden recollerse de balde a partir de hoxe na EOI de Santiago e no Teatro Principal. O mesmo día da gala, poderán recollerse entradas no Auditorio de Galicia desde 3 horas antes do inicio do evento.