Luís Martínez-Risco, secretario da Fundación Vicente Risco, e o conselleiro de Cultura e Turismo Roberto Varela, asinaron un convenio de colaboración para a conservación e difusión do fondo bibliográfico da Fundación radicada en Allariz. Deste xeito, ambas entidades ocuparanse da conservación, promoción do acceso, o estudo e a difusión do patrimonio bibliográfico e documental da Fundación Vicente Risco mediante a súa descrición bibliográfica, dixitalización e creación de metadatos. Segundo o texto do convenio, a Fundación Cidade da Cultura realizará unha achega de 10.000 euros para sufragar os gastos da dixitalización á Fundación Vicente Risco, a entidade encargada da descrición bibliográfica e da dixitalización dos fondos.
Os resultados do proceso de descrición bibliográfica e de dixitalización de fondos poranse a disposición da Fundación Vicente Risco e da Fundación Cidade da Cultura para a súa inclusión nos fondos dixitais da Biblioteca de Galicia, para a súa utilización e difusión pública, de xeito que permita a consulta dos mesmos mediante as novas tecnoloxías da comunicación. Ambas institucións consideran os fondos da Fundación Vicente Risco como un tesouro bibliográfico e documental fundamental, único e singular do patrimonio galego.
A Fundación Vicente Risco, en colaboración coa Fundación Cidade da Cultura de Galicia dixitalizará as obras manuscritas da biblioteca de Vicente Martínez Risco como Bicéfalo de Promonta (manuscrito de 125 páxinas) ou La puerta de paja (manuscrito de 131 páxinas), ambas as dúas da autoría do escritor ourensán, así como A familia de Pascual Duarte (manuscrito da tradución feita por Vicente Risco de 180 páxinas) da obra de Camilo nx0woé Cela.
Asemade, segundo o texto do convenio, tamén se dixitalizarán fondos especiais da Fundación como os manuscritos impresos de Traballos sobre o celtismo. Neste grupo destacan Civilización europea, Magnae Syntesis liber vel opera Omnia, Notas e bibliografías ou Referencia Irlandesa, así como outras obras da carpeta sobre o celtismo como Irlanda por dentro y por fuera (tradución de Enrique Díaz-Canedo), El fanatismo sinfinista: a proposito del problema Irlandés ou unha separata de Americo Castro titulada Algo sobre el celtismo. A documentación sobre a obra Mitteleuropa recollida en libretas de notas, debuxos, apuntes e borradores do manuscrito tamén serán obxecto de dixitalización, así como a colección de traballos sobre etnografía e documentación diversa sobre O Carnaval, O Diablo e A Maxia. As coleccións de Vicente Risco de refráns, ditos e adiviñas, con 150 fichas manuscritas cada unha delas tamén serán dixitalizadas.