Print this page

A Fundación Penzol e a editorial Galaxia homenaxean a Paco del Riego o vindeiro venres 14 de xaneiro

Rate this item
(0 votes)

A Fundación Penzol e Editorial Galaxia preparan unha homenaxe civil para o venres 14 de xaneiro, ás 19.30 h., dedicada a quen foi un dos seus fundadores e unha das figuras sobranceira do galeguismo, Francisco Fernández del Riego, quen non deixou o pasado 26 de novembro. Hoxe o mestre cumpriría 98 anos.

A idea dos organizadores era celebrar o acto precisamente hoxe, data tamén do falecemento en Buenos Aires de Alfonso R. Castelao en 1950, pero por razóns técnicas decidiron adialo unha semana. Participarán na homenaxe, para a que se están a recibir numerosas adhesións, Ramón Villares (presidente do Consello da Cultura Galega), Xosé Luís Méndez Ferrín (presidente da Real Academia Galega), Manuel Bragado (presidente da Asociación Galega de Editores), os académicos Xosé Luís Franco Grande e Xesús Alonso Montero, a filóloga e investigadora Malores Villanueva, Marián Vidal, directora técnica da biblioteca e arquivo Penzol, Benxamín Casal (vicepresidente de Editorial Galaxia) e Alfonso Zulueta de Haz (vicepresidente da Fundación Penzol). O encargado de conducir as intervencións será o director xeral de Galaxia e codirector da revista Grial, Víctor F. Freixanes.

Antón Pulido entregará á Fundación Penzol unha copia do retrato de don Paco que no seu día o pintor realizou para a Real Academia Galega, destinado a permanecer no fondo Fernández del Riego, segundo no seu día expresou o seu desexo o homenaxeado. Tamén se proxectará un video de carácter biográfico realizado por Félix Vidal. Rosa Aneiros, premio de xornalismo Fernández del Riego, escribiu Unha Alba de Gloria para Fernández del Riego; e de Xaime Isla Couto, compañeiro de xeración e cofundador de Editorial Galaxia, da que segue a ser presidente do Consello de Administración, lerase un poema que no seu día o intelectual galeguista escribiu para o seu amigo.

Inédito de Francisco Fernández del Riego

A editorial Galaxia prepara a publicación dun libro inédito de Fernández del Riego. Trataríase dun volume onde se recompilan textos de del Riego sobre as súas visitas a París e a outras cidades europeas no ano 1953, onde visitou a Colmeiro e coñeceu a Pablo Picasso. Memorias do París literario recolle estadías, as lecturas, encontros e as persoas relacionadas con estas viaxes. Francisco Fernández del Riego estivo a traballar neste libro inédito nos últimos anos da súa vida e encargoulle á filóloga Malores Villanueva a corrección e a edición da obra para que fose publicada despois da súa morte. A publicación deste libro posiblemente suporá a inauguración da colección, dentro de Galaxia, da biblioteca Francisco Fernández del Riego, de obras do intelectual laurentino, ao igual que xa están as de Blanco Amor, Castelao, etc.