Print this page

A Fundación Curros Enríquez dedica unha mostra ao historiador portugués Alberto Sampaio

Rate this item
(0 votes)

A Fundación Curros Enríquez ven de inaugurar a exposición Os frutos da terra em Alberto Sampaio, elaborada no ámbito das Conmemoracións do Centenario da morte de Alberto Sampaio en 2008 e que agora realiza un programa de itinerancia por institucións culturais de Galicia. Deste xeito, a Fundación centra as actividades do mes de xuño na relación do poeta Manuel Curros Enríquez con Portugal, xa que o poeta celanovés estivo moi interesado nos acontecementos políticos e literarios de Portugal. Ademais de manter contacto a través do correo con varios intelectuais portugueses, Curros foi considerado un gran tradutor da lingua portuguesa, tanto ao galego coma ao castelán, pola fidelidade que mantiña co espírito das composicións.

Nesta exposición son abordadas, separadamente, seis temáticas – a viña, o campo, a horta, o pomar, o xardín e o bosque –, as cales constituíron materia de estudo e de experimentación nas propiedades no Minho de Alberto Sampaio. Con esta mostra pretendeuse, tamén, traer de novo a memoria colectiva, a visón do mundo rural tal como se manifestaba en pleno século XIX, evidenciando algunhas das prácticas mais antigas, moitas delas símbolos da identidade de unha forte cultura popular. Nos dez paneis expositivos apélase a un encontro coa natureza e a “rítmica sucesión dos traballos rurais”. Somos postos diante dun cadro da historia agraria portuguesa. A aproximación ao intelectual e agricultor faise a través de diversos obxectos e publicacións que lle pertenceran, expostos en vitrinas que completan a exposición. Os instrumentos do seu laboratorio, usados nas súas experiencias vinícolas, os premios das exposicións realizadas en Philadelfia (1876), Porto (1880), Lisboa (1884), Berlín (1888) e París (1889) e os libros especializados que comprou nas súas viaxes a Francia e Inglaterra, cos estudos máis recentes.

Alberto da Cunha Sampaio (1841-1908) foi un historiador portugués. Licenciouse en dereito pola pola Universidade de Coimbra e é especialmente coñecido polos seus traballos no eido da historia económica. Entre as súas principais obras cóntanse as dedicadas ás pobacións marítimas medievais e ás vilas do Norte de Portugal. Integrouse no movemento designado como Portugalia.