Print this page

A Fundación Rosalía de Castro escolle novamente a Anxo Angueira como presidente da entidade

Rate this item
(0 votes)

O plenario da Fundación Rosalía de Castro vén de elixir a Anxo Angueira como presidente desta institución durante catro anos máis. O escritor e profesor da Universidade de Vigo foi elixido por unanimidade nun pleno no que era o único candidato.

Canda el, forman parte da candidatura que resultou gañadora Ana Blanco como vicepresidenta; Xosé Carlos Beiró como secretario; Xosé García Lapido como tesoureiro; e como vocais Xosé Luís Axeitos, María López Sández e Chus Pato. 

Anxo Angueira foi elixido presidente desta entidade en 2012. Baixo a súa presidencia a Casa de Rosalía incrementou exponencialmente os proxectos e actividades. Alén da desexada reforma do interior da Casa e da súa renovada musealización, catalogouse e dixitalizouse todo o fondo documental e acondicionouse unha sala para o arquivo, que xa está a disposición dos investigadores; dinamizouse a súa presenza na web e nas redes sociais; incrementouse o seu patrimonio coa chegada de novos obxectos, artísticos ou non, como o cadro de Brocos e diferentes pezas de Ovidio Murguía; publicouse a súa Obra completa, entre outros libros; relanzouse a celebración do Día de Rosalía e puxéronse en marcha ducias de actividades ao longo do ano: a homenaxe ao mundo do mar, o festival Abride a Fiestra, alén de múltiples exposicións, conferencias, roteiros, teatralizacións e visitas guiadas.