Print this page

A FGEE recoñece o labor desenvolvido no último ano pola biblioteca de Verín

Rate this item
(0 votes)

O xurado dos Premios ao Fomento da Lectura, que entrega anualmente a Federación de Gremios de Editores de España (FGEE), ven de conceder o primeiro premio, na categoría de Fomento da Lectura en Bibliotecas á Biblioteca Pública do Concello de Verín, por “atopar tanto nos seus obxectivos como na relación de actividades que realiza unha adecuada plasmación de vocación da biblioteca como ferramenta da lectura en pequenos concellos”. O xurado entendeu que a proposta da biblioteca de Verín encarna un modelo de servizo bibliotecario que amplía e enriquece a visión clásica do servizo público da lectura no medio rural. De feito, no último ano a biblioteca desenvolveu diferentes actividades entre as que se inclúen voluntariado cultural, aprendizaxe en idades temperás ou alfabetización dixital.

 

O xurado estivo formado por: Pedro de Andrés, presidente do Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO); Luís Mateo Díez, escritor e académico da R.A.E.; Luís González, director da Fundación Germán Sánchez Ruipérez (FGSR) e Margarita Taladriz Mas, presidenta da Federación Española de Sociedades de Arquivística, Biblioteconomía, Documentación e Museística (FESABID).

 

Tanto este premio como os galardoados nas outras categorías se entregarán o vindeiro día 6 de outubro, coincidindo coa celebración da XXIX edición de LIBER, a Feira Internacional do Libro e a edición, que terá lugar do 4 ao 7 de outubro. O premio consistirá nunha escultura orixinal expresamente deseñada para este acto, valorada en 6.000 euros e que será entregada por Antonio María Ávilas, presidente da FGEE no marco da Feira Internacional del Libro de Madrid, unha visita á Biblioteca Nacional de España e un lote de libros.