Print this page

A Festa dos Libros volve esta fin de semana a Pontevedra

Rate this item
(0 votes)

A cidade de Pontevedra acolle esta fin de semana –venres 5, sábado 6 e domingo 7– a terceira edición da Festa dos Libros, organizada polo Concello de Pontevedra en colaboración con trece librarías da cidade. Durante tres días, a praza da Ferraría converterase nun punto de encontro de escritores e escritoras, libreiros e libreiras, editoriais e amantes da lectura, nun espazo de descubrimento, de curiosidade, de aprendizaxe e de gozo arredor da palabra e dos libros.

Os postos das librarías Aviones de Papel, Cao, Clip, Cronopios, D-Lectum, El Naranjo, El Pueblo, Escolma, Espazo Lector Nobel, La Nube de Papel, Luna Nueva Libros, Metáfora e Paz estarán abertos o venres e o sábado de 11.00 h. a 14.00 h. e de 18.00 h. a 23.00 h. e o domingo, de 11.00 h. a 14.00 h. e de 18.00 h. a 22.00 h. e ofrecerán un 10% de desconto en todas as compras, así como sinaturas de libros nos seus respectivos stands. 

Os libreiros e libreiras de Pontevedra volven sacar os seus libros á rúa na procura de lectores e lectoras. E fano acompañados dunha completa programación que abrangue a presenza de máis de setenta autores e autoras que participarán nunha trintena de actividades repartidas entre presentacións e sinaturas de libros, charlas, relatorios, recitais, mesas redondas, obradoiros…

Canto as presentacións de libros, numerosos autores e autoras pasarán pola Festa dos Libros para dar a coñecer os seus últimos traballos como Fina Casalderrey, Diana López Varela, Francisco Castro, Eli Ríos, Emma Pedreira, Antón Lopo, Carlos Bardém, Eva Mejuto, Manuel Rivas, Manuel Jabois, Ledicia Costas, Julián Rodríguez Novo ou Xosé Manuel Conde, por mencionar só uns nomes.

A programación para o público infantil iniciarase o venres ás 12.00 h. co obradoiro de Estefanía Padullés A manchas ou a raias?, un conto para nenos e nenas maiores de 4 anos para aprender a respectar a diferenza. Unha hora máis tarde, será a quenda de Polo Correo do Vento e a súa intrépida detective Peregrina que –nun contacontos ilustrado– terá que resolver o insólito caso Antonio Fraguas. Ao longo do resto da Festa dos Libros haberán outras moitas actividades destinadas ao público infantil.

Obradoiros para adultos ou actuacións musicais serán outras dos apartados que fan tan atraente esta cita cos libros e a lectura en Pontevedra. 


Download attachments: