Print this page

A Ferrería acolle a II Festa dos Libros de Pontevedra

Rate this item
(0 votes)

Pontevedra acollerá esta fin de semana –venres 22, sábado 23 e domingo 24– a segunda edición da Festa dos Libros, organizada polo Concello de Pontevedra en colaboración con quince librarías da cidade. Durante tres días, a praza da Ferraría converterase nun punto de encontro de escritores e escritoras, libreiros e libreiras, editoriais e amantes da lectura, nun espazo de descubrimento, de curiosidade, de aprendizaxe e de gozo arredor da palabra e dos libros.

Os postos das librarías Aviones de Papel, Cao, Clip, Cronopios, D-Lectum, El Pueblo, Escolma, Espazo Lector Nobel, La Nube de Papel, Luna Nueva, Metáfora, Naranjo, Patakafrita, Paz e Seijas, estarán abertos o venres 22 e o sábado 23 de 11.00 h. a 14.30 h. e de 18.00 h. a 23.30 h. e o domingo 24, de 11.00 h. a 14.30 h. e de 18.00 h. a 23.00 h. Ofrecerán un 10% de desconto en todas as compras, así como sinaturas de libros nos seus respectivos espazos.

A estes quince postos (dous máis que na edición anterior) hai que sumar a presenza da libraría convidada Traga-Mundos, situada na localidade portuguesa de Vila Real e especializada na temática de Trás-os-Montes e Alto Douro.

Despois do éxito colleitado o pasado ano, tanto de público como de vendas, os libreiros e libreiras volven sacar os seus libros á rúa na procura de lectores e lectoras. Os libros chegan acompañados dunha completa programación que abrangue a presenza de 60 autores e autoras que participarán en 35 actos repartidos entre sinaturas de libros, presentacións, charlas, mesas redondas, obradoiros ou actuacións musicais.

Con esta festa da creación literaria, os organizadores buscan o fomento da lectura e da creación, así como o apoio ao sector da cultura e do libro como motor de desenvolvemento e dinamización da cidade.

Entre as presentacións de libros figuran as de Suso de Toro, Pedro Feijoo, Manuel Lourenzo, Manel Loureiro, Rafa Cabaleira, María Oruña, Diego Ameixeiras, Marga Tojo, Arantza Portabeles ou Francisco Narla, entre outros moitos.

O programa para o público infantil iniciarase o propio venres 22 ás 11.00 h., coincidindo coa apertura da carpa da Festa dos Libros e aproveitando o inicio das vacacións estivais dos máis pequenos da casa. 


Máis información: