Print this page

A exposición ‘Noroeste cuarta Oeste: roteiros de ficción’ percorre a ficción galega en diálogo coa do Norte de Portugal

Rate this item
(0 votes)

A Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela acolle ata o 25 de xaneiro a exposición  Noroeste cuarta Oeste: roteiros de ficción.

A exposición, comisariada por Xaquín Núñez Sabarís, percorre, a modo de singradura polo Atlántico, a ficción galega en diálogo coa do Norte de Portugal a través de temas e obras literarias, cinematográficas, televisivas ou escénicas da nosa contemporaneidade. Noroeste cuarta Oeste: roteiros de ficción estrutúrase arredor de catro eixos: Os mapas do Noir, Néboas, misterios e monstros, A síndrome de Ulises e Camiños, Compostela.

Os fragmentos narrativos, escénicos ou fílmicos (desde literatura a filmes pasando polo teatro ou a banda deseñada) que compoñen a mostra deixan ver a solidez e coherencia dun universo creativo e as continuidades dos nosos imaxinarios xeográficos e culturais, a un e ao outro lado do río Miño, mesmo diante da globalización dixitalizada do século XXI.

No acto de inauguración participaron, ademais do secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; o director da AECT da Eurorrexión, Xosé Lago; o xefe da División de Promoción e Dinamización Cultural na Dirección Rexional de Cultura do Norte, João Ribeiro da Silva; e o propio comisario da mostra.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade, xunto coa Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal, e o Agrupamento europeo de Cooperación Territorial da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (AECT-GNP), participan desde 2015 a través dun Memorando de Entendemento no Programa Nortear para fomentar o coñecemento mutuo e a difusión da cultura de Galicia e da rexión Norte de Portugal.

As tres entidades, que colaboran de forma continuada, promoven diferentes actividades con vistas a un maior coñecemento mutuo a través da cultura, da literatura e da creación artística en ambos os dous territorios, impulsando a expansión e o coñecemento do tecido artístico e creativo, así como estimulando dinámicas de colaboración entre os axentes culturais deste espazo de cooperación.