Print this page

A exposición Bibliotecas no espello amósanos a riqueza do patrimonio literario e librario de Galicia e Portugal

Rate this item
(0 votes)

A Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, acolle ata o 19 de febreiro a exposición Bibliotecas no espello. Unha viaxe polo libro e a literatura a través das edicións facsímiles.

Esta exposición forma parte das actividades anuais do programa Nortear, creado en 2015 a través dun memorando de entendemento asinado entre o goberno de Galicia, a Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia – Norte de Portugal.

Bibliotecas no espello amosa, cunha selección de 80 libros de produción literaria, a riqueza do patrimonio literario e librario de Galicia e Portugal a través das edicións facsímiles que abrangue desde o século XI á actualidade.

Está comisariada por Ignacio Cabano, técnico bibliotecario da Biblioteca de Galicia, e por Ana Araujo, técnica da Dirección Regional de Cultura do Norte.

Con esta mostra preténdese reflectir a evolución conxunta dos dou territorios e a paulatina separación dos seus camiños nos últimos séculos, a través da súa produción literaria e editorial máis salientable.

A exposición divídese en dúas grandes áreas: libro medieval, códices e literatura galaicoportuguesa; e libro moderno e contemporáneo, na que xa se divide na parte correspondente a Galicia e outra de Portugal.

Co obxecto de contar cos libros máis importantes realizados no noso territorio desde o século XI, utilízanse as súas edicións facsimilares, que son reproducións precisas destes documentos antigos de gran valor.

Dos libros que se poden ver na mostra cómpre destacar pola súa importancia ou beleza os seguintes:

- Na sección de códices, as Cantigas de Santa María, a Biblia Kennicott, o Códex Calixtino...

- Na sección de libro galego moderno e contemporáneo, destacan as edicións do Prerexurdimento e Rexurdimento, con primeiras edicións de autores como Rosalía de Castro (Cantares Gallegos), Manuel Murguía (Los precursores), Eduardo Pondal (Queixumes dos pinos), Curros Enríquez (Aires da miña terra), etc, ata un autor contemporáneo coma Carlos Casares (As laranxas máis laranxas de todas as laranxas).

- Entre os libros portugueses modernos e contemporáneos están as primeiras edicións de Camões (Os lusiadas), Eça de Queiroz (Os maias), Pessoa (Mensagem), ata a actualidade con mecanuscritos de Saramago (Claraboia) e de Agustina Blessa (Ternos guerreiros).