Print this page

A escritora Mª Xosé Queizán e a pedagoga Antía Cal son as gañadoras do Premio Otero Pedrayo 2018

Rate this item
(0 votes)

A pedagoga e ensinante Antía Cal e a escritora Mª Xosé Queizán son as gañadoras do Premio Otero Pedrayo que se fallou o pasado día 25 no Pazo de Mariñán. Este premio está convocado polas catro deputacións e o goberno de Galicia, e organizado nesta edición pola Deputación da Coruña.

O Premio Otero Pedrayo recae por primeira vez en dúas mulleres, pioneiras no mundo do ensino e do uso do galego na escola no caso de Antía Cal e na defensa dos dereitos das mulleres desde todos os ámbitos, de maneira especial desde o literario, ensaístico e activista, Mª Xosé Queizán. Desde a súa creación hai xa máis de corenta anos, a pasada edición foi a primeira vez que unha muller, Margarita Ledo, gañou o premio que neste ano recae tamén por primeira vez en dúas mulleres.

A mestra e pedagoga Antía Cal (La Habana, 1923) foi durante o seu tempo como ensinante un referente da nova pedagoxía que busca en modelos anovadores que daquela nacían en Europa, nunha época na que a escola estaba dominada polo franquismo. Antía Cal deixou a súa traxectoria escrita na súa autobiografía Este camiño que fixemos xuntos (Galaxia), un volume que mostra unha muller emprendedora, de grande amor ao país, a súa lingua e a súa cultura e exemplo de mestra que cre no poder e na necesidade dunha escola participativa e galega.

Pola súa banda, a escritora Mª Xosé Queizán (Vigo, 1939) conta cunha intensa traxectoria na literatura e tamén no activismo centrado, de maneira especial, na defensa dos dereitos das mulleres. Queizán é pioneira na teorización do movemento feminista desde a situación que vivían e viven as mulleres galegas que se reflicte nun amplo corpus ensaístico mais tamén nos outros xéneros literarios que a autora visitou.

O obxectivo do premio é, ademais de perpetuar e honrar a memoria de Otero Pedrayo no campo das letras e o coñecemento, premiar un labor que constitúa unha contribución eminente á cultura galega e promocionar os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións.

O premio foi creado en 1977 e o escritor Carlos Casares foi o primeiro galardoado dunha listaxe que incluiría personalidades e entidades como Isaac Díaz Pardo, Francisco Fernández del Riego, Antón Fraguas, Xaquín Lorenzo, Fundación Otero Pedrayo, Manuel María e Uxío Novoneyra, Centros Galegos de Bos Aires e Montevideo, Museo do Pobo Galego, Real Academia Galega e Laboratorio de Formas, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Neira Vilas ou, na última edición, Margarita Ledo Andión, a primeira muller premiada.