Print this page

A editorial xalleira tresCtres celebra o seu décimo aniversario

Rate this item
(0 votes)

A editorial tresCtres celebra estes días o seu décimo aniversario. Foi no ano 2001 cando naceu en Santa Comba de Xallas o selo editorial, impulsado polos empresarios das artes gráficas, irmáns Pichel López –imprenta Eurográficas– e por dous profesores do IES Terra de Xallas –X. Amancio Liñares Giraut (Xeografía e Historia) e Antonio Puentes Chao (Lingua e Literatura Galegas), asumindo colexiadamente a súa dirección editorial.

Ao longo destes anos son xa un cento os títulos editados, cunha xeitosa nómina de autores. Tendo en conta as súas tiraxes medias, pódese afirmar que dende aquela uns cen mil exemplares no seu conxunto pasaron a enriquecer o mundo editorial, continuando no século XXI a facer realidade aquilo que se lle dicía ós medios na xuntanza fundacional: “queremos seguir facendo posible hoxe aquí o milagre de Johannes Gutenberg”.

3C3 continúa arestora cos seus proxectos de coleccións e edicións. Dende a editorial anuncian que proximamente renovarase a páxina web tresctres.com, enchéndoa de novos deseños, recursos e contidos. Amais, séguese na idea de editar ó redor dunha ducia de novos títulos cada ano, seleccionando ben os orixinais e coidando a calidade, interese e variedade das súas edicións.

Co dito anteriormente, Historia dun ermo asociativo. Labregos, sindicatos verticais e políticas agrarias en Galicia baixo o franquismo, de Daniel Lanero Táboas; Cambio de estrela, de Iria Anido e Xan Eguía; “Dicionario” Lois Pereiro, de María Xesús Nogueira Pereira; Acción titorial nos Programas de Cualificación Profesional Inicial, María Teresa Delgado Vázquez; Ruta de la Costa da Morte. Galicia en estado puro, de Luís Rubio; e Sherezade. Novos relatos de pensamento creativo, de Carlos L. Medrano serán as novidades que 3c3 editores presentarán ao longo deste semestre.

E moitos anos máis para tresCtres editores.