Print this page

A Editorial da Deputación de Pontevedra celebrará o vindeiro ano o seu 35 aniversario

Rate this item
(0 votes)

A Editorial da Deputación de Pontevedra encara o seu 35 aniversario –que cumprirá en 2021– con preto de 800 títulos publicados. A deputada do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, María Ortega, destacou que as premisas principais do departamento son impulsar o galego a través das publicacións, estimular a investigación e ter Galicia, e concretamente a provincia, como eixe fundamental de estudo.

No último ano a área de Editorial provincial sacou á luz oito novos títulos de diferentes coleccións centrados en temas tan variados como os xardíns históricos de Pontevedra, a Bienal de Arte do Morrazo, a tradición oral en Salceda de Calselas, a emigración a América, biografías, cómic ou poesía recollida do traballo do obradoiro de tradución poética de San Simón.

En total, a Editorial conta no seu catálogo con case 800 títulos de narrativa, poesía, arte, ensaio, natureza, investigación, arquitectura, historia, etnografía, xeografía, fotografía etc. Un amplo catálogo no que participaron ata o de agora 463 autoras e autores e que conta con 19 coleccións de grande interese como son: A provincia en imaxes, Arte, Arte & Estética, Benito Soto, Ensaio e Investigación, Especiais, Fillos ilustres da provincia de Pontevedra, Helenes, Heráldica e Xenealoxía, Infantil, Natureza Galega, Patrimonio Documental da Provincia de Pontevedra, Plan de Organización de Arquivos Municipais, Poesía e narrativa, Publicacións periódicas, Reedicións e Facsímiles, Poesía Tambo, Poesía Cíes, Poesía Ínsua.

A partir de 1940 a Deputación asumiu, dentro da súa función de apoio á cultura e o fomento da lectura, a produción propia de títulos. En 1986 creouse o Servizo de Publicacións que foi evolucionando ata a actual Editorial.

No campo da edición trabállase en todo o percorrido desde que o documento orixinal chega ao servizo e se inicia o proceso de Edición ata que sae cara ó seu destino final. Os títulos da Editorial, unha vez terminado o proceso de impresión, envíanse de balde a todas as institucións públicas e aos organismos que posúan un centro de lectura aberto ó público de maneira que as publicacións estean dispoñibles nas bibliotecas da provincia pontevedresa e, cando é posible segundo a tiraxe de exemplares, tamén nas de fóra da provincia, especialmente nas universitarias. Tan só unha porcentaxe mínima de exemplares se destina á venda, chegando deste xeito ás librerías e outros puntos de venda.

O decidido apoio ao mundo da investigación e o notable incremento, tanto en cantidade como en calidade, de estudos neste campo motivou a edición de publicacións periódicas, unha nova fonte de información periódica e actualizada que acolle artigos sobre diferentes temas que atinxen á provincia. Nesta serie insírense dúas revistas, publicacións seriadas compostas por artigos e traballos de investigación do campo das Ciencias sociais, Humanidades e Sociolingüística: Pontevedra. Revista de estudos provinciais e Pontenova. Revista de novos investigadores.

Segundo explica Ortega, baixo as premisas de reivindicación e igualdade e o respecto á diversidade, a Editorial da Deputación traballa en difundir a realidade histórica, social e cultural galega, con Galicia como eixe fundamental de estudo e, máis concretamente a provincia de Pontevedra; impulsar o idioma galego; fomentar a diversificación de información, con revistas caracterizadas pola variedade de áreas de estudo, temas e autores; promover as publicacións periódicas, fontes de información rápida, debido á brevidade das exposicións, e actualizada; e estimular e difundir a investigación, tanto entre destacadas investigadoras e investigadores (Pontevedra) como entre a xente máis nova (Pontenova).