Print this page

A Deputación de Lugo cederá o legado de Manuel María á Casa-museo do escritor en Outeiro de Rei

Rate this item
(0 votes)

O vicepresidente da Deputación Antón Bao deu conta onte na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno da Deputación de que ven de aprobarse a aceptación do legado de Manuel María. Bao anunciou que “a Fundación Manuel María de Estudos Galegos púxose en contacto coa Deputación para comunicar que no testamento do escritor figura que na disposición segunda lega ao Museo de Lugo unha serie de obras pictóricas encadradas ou sen encadrar, e outros obxectos de valor artístico e persoal que están no seu domicilio”. Na Xunta de Goberno aceptouse ese legado, do que se levantará acta unha vez inventariado, que pasará a formar parte dos depósitos do Museo.

O legado está composto por coleccións que o propio escritor tiña naquel momento: reloxos, bastóns, plumas, gafas, pero tamén serigrafías de Lugrís e Sucasas, unha acuarela de Mariano Patiño, un óleo de Raimundo Patiño, retratos del mesmo feitos por Maside, Doreste ou Javier Bouza, un retrato de Saleta feito por Blas Lourés, debuxos de Laxeiro, Seane, Maside, Isaac Díaz Pardo, gravado de Castro Gil, de Insua, un óleo de Gloria Fernández, obras de Felipe Senén, Doreste, Torres, Argüelles ou Mercedes Ruibal, entre outros.

A Fundación Manuel María en colaboración coa Área de Cultura, adquiriu a casa natal do escritor en Outeiro de Rei co fin de convertela en casa-museo. O vicepresidente explicou que “a idea é cedelo á Fundación con carácter indefinido, ata extinción da mesma, e que así o legado permaneza na casa-museo, que tamén albergará ao completo toda a obra e todo o relacionado con Manuel María”.