Print this page

A Deputación de Lugo asina o seu compromiso coa Academia Galega

Rate this item
(1 Vote)

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luís Méndez Ferrín, e o vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, asinaron onte un convenio polo que a entidade provincial manterá a axuda á institución académica. Ao rematar a sinatura, en declaracións á prensa o presidente da RAG pediu unha "emenda poderosa e unánime" dos representantes galegos nas Cortes aos Orzamentos Xerais.

Tras o acto institucional na Deputación de Lugo, concluído co compromiso de apoio por parte da entidade provincial á Academia Galega, o vicepresidente primeiro desta institución, Antonio Veiga, afirmou: "A achega que realiza a Deputación ten unha significación especial nestes tempos, cando se ten coñecemento do recorte que o Goberno do Estado fixo á Real Academia Galega segundo os seus orzamentos para este ano, por iso mantemos a nosa colaboración como ata agora".

Méndez Ferrín, en posteriores declaracións á prensa, lamentou o trato "discriminatorio" cara á lingua galega e solicitou unha "emenda poderosa, apoiada por unanimidade e co consenso de todos os deputados galegos, tanto do PP, coma do PSOE e do BNG" que "consiga facer desaparecer estes números discriminatorios" dos Orzamentos Xerais do Estado.

"A primeira nestes orzamentos é o castelán, e ata se pode entender que así sexa. A segunda é o catalán, a terceira é o vasco e o galego é de cuarta fila. Así nos consideran", engadiu o presidente da RAG, quen tamén manifestou: "Estamos nunha época difícil e, se hai rebaixas, que as haxa para todos. Pero non para uns máis e outros menos". Concluíu declarando que esta situación "non é aceptable" para os membros da Academia, mais tampouco "para ningún galego de ben".