Print this page

A Cidade da Cultura acolle unha nova edición de Galicia, Ceo das Letras

Rate this item
(1 Vote)

O vindeiro 14 de abril arranca unha nova edición do ciclo literario Galicia, Ceo das Letras, organizado pola Cidade da Cultura de Galicia coa finalidade de poñer en valor a literatura galega en diálogo coa literatura universal.

Durante sete sesións e ata final de ano desfilarán polo auditorio da Biblioteca de Galicia tres autores cumio das letras galegas como son Celso Emilio Ferreiro, Otero Pedrayo e Castelao, unha destacada escritora galega da literatura castelá como é Emilia Pardo Bazán e un elenco de escritores de referencia mundial aos que nos unen a veciñanza, a lingua ou o mesto universo da imaxinación, como son Federico García Lorca, Jorge Amado e James Joyce.

A Cidade da Cultura recupera así un dos ciclos máis exitosos da programación de 2011, que ofrece unha visión novidosa das grandes figuras das nosas letras a través da sinerxía entre literatura e outras disciplinas artísticas como a música, o cine ou o teatro. Precisamente, seguindo o camiño iniciado en 2011, cada unha das sete sesións que dará vida a estes “Sábados de autor” constará dunha charla inicial impartida por expertos de referencia como Ramón Nicolás, Ramón Villares, a escritora Marina Mayoral ou o poeta Luis García Montero.

A sesión completarase cunha actuación artística –música, cine, teatro etc.– ligada ao espírito do escritor homenaxeado. Pola Cidade da Cultura pasarán este ano tres colosos do punk como son os integrantes de Labregos do Tempo dos Sputniks, os músicos Ugia Pedreira e Marcos Teira, integrantes do grupo Marful; ou o escritor, xornalista e músico bravú Xurxo Souto.

Como novidade, a edición de 2012 de Galicia, Ceo das Letras contará tamén cos máis pequenos, aos que introducirá no mundo de cada un dos autores dunha forma lúdica e entretida. Cuns contidos deseñados especialmente para eles, os participantes na versión infantil do ciclo descubrirán a vida, época e obra de autores universais a través de tres pasos: “vexo, fago, falo”. Dúas horas nas que os rapaces gozarán dun espectáculo artístico no que serán os propios protagonistas da actividade, a través de obradoiros, de xogos, da plástica e da música.

A inscrición en cada unha das sete sesións é gratuíta, previa reserva en www.cidadedacultura.org.