Print this page

A Cidade da Cultura acolle a I Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia

Rate this item
(0 votes)

Mañá venres celébrase a I Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia que, baixo o lema As bibliotecas públicas do futuro: as bibliotecas en proceso de cambio, se celebrará no auditorio Neira Vilas da Biblioteca e Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela. O director técnico da Biblioteca Nacional de España (BNE), José Luis Bueren Gómez-Acebo, será o encargado de pronunciar a conferencia inaugural e o encontro, que contará coa participación de expertos de recoñecido prestixio no ámbito bibliotecario e coa presentación de experiencias innovadoras e boas prácticas para compartir cos profesionais asistentes.

A xornada, organizada pola Subdirección Xeral de Bibliotecas, está dirixida a profesionais bibliotecarios de todo o país. O obxectivo da iniciativa é crear un espazo de encontro entre os profesionais que desenvolven o seu traballo diario nas bibliotecas públicas de Galicia.

A primeira edición da xornada vaise centrar nas bibliotecas como espazos abertos á comunidade, acolledores e sociais, que provén de servizos innovadores e facilitan tamén a innovación dixital. A xornada está enfocada á participación activa dos seus protagonistas, a través de comunicacións, debates, obradoiros e tamén compartindo unha experiencia real de innovación e traballo coa comunidade, a da biblioteca de Muskiz, en Bizkaia, pioneira no uso das novas tecnoloxías e comprometida coa memoria histórica do seu pobo. O seu bibliotecario, Fernando Juárez Urquijo, será o encargado de debullar polo miúdo as actividades.