A Deputación da Coruña aposta por apoiar o proxecto do concello de Rianxo como vila literaria de referencia coa adecuación para museo da casa de Rafael Dieste, na rúa de Abaixo en que se atopan as casas de Manuel Antonio e Castelao. A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartin Rei, e o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, asinaron un convenio de colaboración que dará inicio ás obras de reconstrución do inmóbel do escritor recreado na obra A fiestra valdeira. Para iso, o ente provincial achegará 189.456,66 €, o 80 % do orzamento total de 236.820,82 €.
O proxecto que agora inicia o seu percorrido inclúe obras de cimentación, saneamento e pluviais, consolidación a estrutura, albanelería, carpintería interior, instalación eléctrica e protección contraincendios, instalación de fontanería e calefacción, revestimentos e ascensor e rematará coa apertura ao público do inmóbel reconstruído cunha sala de actos e exposicións na planta inferior e a recreación dos espazos máis vinculados á vida do escritor no primeiro andar coa galería que dá ao mar.
A casa de Rafael Dieste é unha construción brasonada do século XVIII situada no centro histórico de Rianxo e leva deshabitada desde a morte do escritor, hai un cuarto de século. Foi adquirida polo concello de Rianxo en 2007 e no ano 2012 desenvolveuse unha intervención sobre o tellado e as fachadas.