Print this page

A Biblioteca 'Ánxel Casal' de Santiago inaugura o novo servizo de Biblioteca Accesible

Rate this item
(0 votes)

Coincidendo coa celebración do terceiro aniversario da Biblioteca Nodal 'Ánxel Casal' de Santiago de Compostela presentouse o novo servizo de Biblioteca accesible.

O servizo de Biblioteca Accesible dispón de diferentes medios informáticos específicos, os dous ordenadores de sobremesa con periféricos e programas especialmente adaptados a persoas con problemas físicos ou cognitivos. A Biblioteca conta con 20 portátiles Netbook para todo o público, pero que tamén inclúen os programas accesibles (Dasher, FAM Armony...). Gran parte deste equipamento foi proporcionado polo Programa Tic Tac Adapta, proxecto do Ministerio de Industria en colaboración coa Xunta de Galicia e financiado con fondos FEDER. Asemade, tamén existe unha pequena colección de libros, audiovisuais e documentos electrónicos está dirixida a colectivos que precisan unha atención diferenciada. Os libros de lectura fácil foron elaborados con especial coidado para poder ser lidos e comprendidos por persoas que teñen dificultades lectoras e/ou de comprensión. Empregan unha linguaxe sinxela e concreta e frases breves. O público ao que se dirixe é: persoas xordas de nacemento ou con xordeira precoz, discapacitados psíquicos e persoas con outras doenzas como dislexia, autismo, afasia, etc.

A sección Lectura para Invidentes inclúe tanto os que están escritos en Braille como os que se editan en formato Daisy (Digital Accessible Information System), para a conversión de texto a voz e a visualización de iconas e textos nun tamaño moito maior. Os Audiolibros, libros en formato CD ou DVD, están dirixidos a persoas con dificultades de visión, persoas maiores, inmigrantes, persoas sen hábito de lectura, etc. Tamén están dispoñibles CD-ROMs multimedia con xogos para persoas con algunha discapacidade cognitiva. Diríxense a discapacitados psíquicos e persoas con outras doenzas como autismo, afasia, Asperger, etc.

A Biblioteca Anxel Casal tamén organiza un sábado de cada mes (normalmente o último) o contacontos infantil en linguaxe de signos. Un compoñente da Federación de Asociación de Persoas Xordas de Galicia interpreta contos en linguaxe de signos para os que non poden ouvir e en voz alta para os demáis. Deste modo, tanto ouvintes coma non ouvintes familiarízanse con esta linguaxe.