Print this page

A Biblioteca 'Miguel González Garcés' da Coruña acolle a mostra bibliográfica Cento un, con libros de Luís Seoane

Rate this item
(0 votes)

Con motivo da celebración do V Agasallo a Luís Seoane, en conmemoración do nacemento do artista o día 1 de xuño de 1910, na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés inaugurarase hoxe, ás 20.00 h., a mostra Cento un, selección dos libros da Biblioteca de Arte de Seoane, libros comprados polo artista ao longo da súa curta pero lograda travesía pola vida, libros que estiveron sempre acompañándoos na súa acolledora casa de Buenos Aires e que máis tarde a súa compañeira Maruja doa á Real Academia Galega, lembrando unha conversa do seu home.

Unha gran variedade de temas, materias e artistas compoñen esta magnífica colección que estará exposta na primeira planta da biblioteca. Son cento un libros dos case dous mil cincocentos de que consta o fondo. Cento un por celebrarse os cento un anos do seu nacemento. Das edicións máis antigas, de principios do século XX, ata os últimos mercados antes da súa morte en 1979, sen esquecer a importancia dos libros con determinados parágrafos marcados por Luís Seoane no decurso da súa lectura, que sen dúbida botan luz sobre a súa figura.

A Biblioteca forxada por Luís Seoane é unha valiosa fonte de información na que se destaca, na maioría dos casos, tanto o valor do contido dos libros como o do seu aspecto formal. Contidos e coidadas edicións que falan do seu interese, da súa curiosidade, do seu estudo, das súas preferencias pola arte e os artistas do presente e do pasado nas súas diferentes facetas.

Moitos dos libros, que son verdadeiras xoias tanto polo seu texto como polo seu deseño editorial, engaden o valor de non ser publicados no seu momento no noso país, converténdose así en raros e únicos hoxe en día.

A Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés acolle con esta mostra, por quinto ano consecutivo, o Agasallo a Luís Seoane que se celebra no aniversario do seu nacemento e que, coma tódolos anos, organiza Rosa Espiñeira Pan (editora literaria en 2010 do libro Luís Seoane. Poemas alumeados, publicado en Figurandorecuerdo(s)edicións).

O acto contará coa intervención de: Laura González-Garcés Santiso, directora da biblioteca; María Xosé Bravo San nx0woé, Concelleira de Cultura do Concello da Coruña; Xosé Luís Axeitos Agrelo, Secretario da Real Academia Galega; e Rosa Espiñeira Pan, coordinadora da mostra.

Ao remate, na Praza Luís Seoane, ao pé do busto do artista, plantación das rudas e o allo verde, en lembranza do libro de lendas Tres hojas de ruda y un ajo verde, escrito por Luís Seoane en Buenos Aires en 1948. 

A mostra estará aberta ao público dende o día 7 de xuño ata o día 30 de xuño, no horario da biblioteca.