Print this page

A Biblioteca de Galicia porá ao dispor da cidadanía o legado bibliográfico de Agustín Fernández Paz

Rate this item
(0 votes)

O goberno galego vén de aceptar a doazón do Fondo Agustín Fernández Paz, que permitirá coñecer o importante legado literario e pedagóxico do escritor vilalbés finado en Vigo en 2016. Trátase dunha biblioteca de autor creada ao longo dos anos polo escritor e pedagogo e que reflicte o seu mundo e os seus intereses e que contén unha colección completa dos seus traballos. É, polo tanto, un instrumento valioso para calquera estudo sobre a súa figura.

A colección doada polas herdeiras do patrimonio de Agustín Fernández Paz, conta cun fondo de máis de 5.000 volumes onde destacan as series sobre literatura contemporánea, cómic en galego e pedagoxía. Moitas das publicacións son obras en galego e exemplares dos libros de Fernández Paz editados por editoriais non galegas que aínda non estaban dispoñibles na Biblioteca de Galicia. Cómpre destacar que a incorporación desta biblioteca aos fondos da Consellería de Cultura e Turismo tamén permitirá o estudo do nacemento e evolución do libro de texto galego ao incorporar moitos dos primeiros exemplares que foron editados na nosa lingua.

O proceso desta doazón comezou en novembro de 2017, cando os técnicos da Biblioteca de Galicia visitaron os lugares onde estaban os documentos bibliográficos, situados en Vigo e Redondela, para valorar o interese deste fondo. Tras os informes favorables, comezouse o traslado dos fondos a biblioteca situada na Cidade da Cultura.

Agustín Fernández Paz é un dos escritores máis coñecidos e valorados no ámbito da literatura infantil e xuvenil no ámbito ibérico. É autor de máis de cincuenta títulos, dirixidos preferentemente a lectores infantís ou xuvenís e obtivo numerosos premios, tanto no ámbito galego coma no español ou no internacional.

Ademais de Perito Industrial Mecánico, Agustín Fernández Paz foi mestre e licenciado en Ciencias da Educación e traballou como docente durante máis de trinta anos, nos distintos niveis do ensino primario e secundario. Ademais desta dedicación á docencia, desenvolveu unha ampla actividade teórica e divulgativa, centrada na promoción da lectura, a introdución dos medios de comunicación na aula, a didáctica da lingua ou a normalización da lingua galega nos ámbitos escolar e social. Tamén tivo un papel relevante na elaboración de materiais didácticos de lingua e literatura.