Print this page

A banda deseñada histórica ten unha grande cita en Lugo

Rate this item
(0 votes)

Onte presentouse no Pazo de San Marcos de Lugo o II Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia, que se celebrará en Lugo ata o 5 de maio, e no que participarán os ilustradores Javi Montes, Víctor Boullón, José Barreiro, Miguel Fernández e Manel Cráneo, coordinador artístico do evento.

O II Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia está organizado pola editorial especializada en banda deseñada Demo Editorial e polo portal web Historia de Galicia www.historiadegalicia.gal. Nesta cita, na que tamén colaboran a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración e a Escola de Arte e Superior de Deseño (EASD) Ramón Falcón, haberá proxeccións, obradoiros de debuxo para nenos, un roteiro histórico ou unha masterclass impartida por ilustradores, entre outros.

O II Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia alternará sesións didácticas e educativas, con sesións prácticas e lúdicas. Tras a masterclass sobre cor dixital, celebrada onte, da man dun dos máis prestixiosos ilustradores de banda deseñada histórica do estado, Javier Montes, que traballa para as principais editoriais de cómic dos mercados americano e franco-belga, como Marvel, DC, Dargaud ou Le Lombard.

O II Encontro de Banda Deseñada Histórica continuará na fin de semana do 4 e 5 de maio con sesións teóricas, conferencias e obradoiros prácticos sobre banda deseñada histórica. O sábado 4 de maio, ás 10.00 h., haberá ruta histórica polo Lugo Romano con Lidia de la Fuente, fundadora da empresa lucense Camiños con Arte, e especialista na historia de Lugo. Esta actividade, está organizada polo proxecto de turismo histórico Rutas de Historia. Os interesados poden apuntarse en www.rutasdehistoria.com

A partir das 11.00 h. deste mesmo día no CENTRAD, haberá un obradoiro para nenos no que aprenderán as principais técnicas da ilustración histórica, a debuxar castrexos, romanos, viquingos ou cabaleiros medievais, entre outros. Os interesados en inscribirse poden facelo a través do seguinte enderezo: http://historiadegalicia.gal/ii-encontro-banda-desenada-historica-de-galicia/. Ás 13.00 h. os autores participantes no encontro asinarán libros na Librería Totem.

Na tarde do sábado, a sala central do CENTRAD acollerá varias conferencias e mesas redondas cos autores: Miguel Fernández, falará sobre a banda deseñada da Galicia medieval ás 17.30 h.;  Manel Craneo, explicará a historia da banda deseñada en Galicia ás 18.30 h.; e Javi Montes e José Barreiro falarán sobre o mercado europeo de banda deseñada histórica ás 19.30 h.

Por último e como remate a esta programación, o 5 de maio, ás 12.00 h. na Sala Clavicémbalo, proxectaranse películas e documentais sobre banda deseñada e haberá unha sesión de contacontos históricos da man do actor e contacontos, Avelino González. Tamén haberá oportunidade de manter conversas máis informais cos ilustradores.