Print this page

A Asociación Galega de Editoras organiza o I Encontro da Edición galega e portuguesa

Rate this item
(0 votes)

A Asociación Galega de Editoras organiza o I Encontro da Edición galega e portuguesa - I Encontro da ediçao galega e portuguesa, unha xornada profesional, baixo o lema Galiza e Portugal: dous mercados que se ignoran?, que vai celebrarse o vindeiro 25 de setembro, no marco do Auditorio do Consello da Cultura Galega, en Compostela, en xornada de mañá e tarde.

Houbo un tempo en que unha grande parte das galegas e dos galegos ollabamos a Portugal como un irmán que podería axudarnos a potenciar a nosa propia lingua, a nosa cultura, para achegarnos como pobo diferenciado a gran familia da lusofonía. Soñabamos con normalizar o intercambio musical, das artes escénicas, do teatro, e, nomeadamente da literatura e da escrita en xeral. Acreditabamos que sería posíbel un intercambio comercial, normalizado, entre o sector do libro galego e do portugués, autoras e autores, editoras, librarías e distribuidoras poderían interactuar cruzando o Minho como quen cruza o Umia ou o Lérez.

Tendo en conta que no mes de marzo do 2014 o Parlamento galego aprobou por unanimidade unha Lei para a promoción do portugués no noso país, desde a Asociación Galega de Editoras cren que é un momento oportuno de retomar un debate histórico desde o sector editorial galego neste encontro que reunirá en tres mesas redondas, persoas relevantes e ben informadas para abordar unha pregunta que atinxe o sector do libro: Galiza e Portugal: dous mercados que se ignoran?

A xornada comezará cunha mesa redonda titulada Olladas desde a escrita, na que participarán José Viale Moutinho, Teresa Moure, Carlos Quiroga e Suso de Toro. Tras unha pausa para o café, unha nova mesa redonda centrarase nas Olladas desde a promoción da lingua. Intervirán Carlos Sofia Amado, Carlos Nogueira e Elisabete Ramos.

 Na xornada de tarde, ás 16.30 h., a mesa redonda que se celebrará tratará sobre as Olladas desde a edición e a distribución, coa participación de Luis Catarino, Dora Forcas, Margarida Noronha e Glicéria Pereira.

Máis información: