Print this page

A AGE reclama ao goberno de Galicia o regreso ás feiras internacionais do sector

Rate this item
(0 votes)

O presidente da Asociación Galega de Editoras (AGE), Xosé Ballesteros, acompañado polo vicepresidente do colectivo, Henrique Alvarellos, ven de solicitar á Secretaría Xeral de Cultura do goberno de Galicia que reconsiderase a súa renuncia a participar nas futuras feiras internacionais do libro, trala resolución adoptada polo goberno galego o pasado día 29 de decembro de 2017 onde a Consellería de Cultura anulaba a súa participación para 2018 nas feiras de Boloña (Italia), Liber (Barcelona), Frankfurt (Alemaña) e Guadalaxara (México).

A AGE considera que o sector do libro galego, tal e como se recolle na Lei do Libro de Galicia (aprobada por unanimidade no Parlamento galego en decembro de 2006) é estratéxico para o país, e non se pode renunciar a súa promoción internacional.

A Asociación Galega de Editoras —que representa ao 90% da produción editorial do país— participará, con recursos propios, na próxima Feira do Libro de Boloña (Italia), a máis relevante do mundo para a literatura infantil e xuvenil, que se celebrará entre os días 26 e o 29 de marzo. Dez empresas editoras asociadas a AGE confirmaron xa a súa participación neste evento, o que demostra a decidida aposta do sector polos mercados internacionais.

Tralo encontro mantido hoxe coa Secretaría Xeral de Cultura, a Asociación Galega de Editoras confía en que se inicie unha nova etapa de colaboración real na que se busquen liñas de encontro guiadas por un interese que debe ser común: a promoción do libro galego e,  en definitiva, a cultura do país.

Pola súa banda, dende a Secretaría Xeral de Cultura  trasladou o “firme compromiso” do goberno galego coa proxección exterior do sector editorial galego.