Print this page

A AGE entrega o seu premio á difusión editorial ao libreiro Xesús Couceiro

Rate this item
(0 votes)

A Xunta Directiva da Asociación Galega de Editores acordou por unanimidade outorgar o Premio Francisco Fernández del Riego á difusión do ámbito editorial e cultural do ano 2012 ao libreiro e editor Xesús Couceiro. O galardón recoñece o labor realizado por unha persoa a prol da cultura do libro e seralle entregado en Compostela o vindeiro venres, 9 de marzo, no transcurso da Noite da Edición, onde tamén serán entregados os premios do sector correspondentes ao ano 2011.

Xesús Couceiro foi un gran promotor do libro galego e a libraría Couceiro un lugar de referencia para estudosos, universitarios e personalidades do mundo da Cultura. Couceiro é libreiro desde o ano 1969. No ano 2007 trasladou a súa emblemática libraría ata o corazón compostelán, na praza de Cervantes, onde ven axudando a dinamizar o comercio local.

No blog Brétemas, o presidente da Asociación Galega de Editores Manuel Bragado traza uns magníficos apuntamentos da figura de Xesús Couceiro: “Nacido na parroquia de Albixoi do concello de Mesía, Suso Couceiro pasou de traballar como xerente dunha empresa de electrodomésticos a fundar en 1969 a súa primeira libraría na compostelá rúa de San Pedro. Dende entón, ao longo de catro intensas décadas, Couceiro desenvolveu de forma modélica e teimosa o seu noble oficio nas librarías de Xeneral Pardiñas, o Hórreo e agora no edificio recuperado da praza de Cervantes que xa xestionan os seus fillos Pablo e María. Fundador e primeiro presidente da Federación de Libreiros de Galicia (1977), co-fundador de Edicións Laiovento (1991), ven de poñer en valor Edicións do Cerne, selo creado por Luís Mariño, dedicándoo á edición de facsímiles de primeiras edicións de autores galegos libres de dereitos de autor. Sexa como libreiro, como bibliófilo, como editor, Xesús Couceiro dedicou a súa vida enteira á promoción do libro galego e á cultura da libraría como espazo cultural. Un recoñecemento merecidísimo”.


Noite da edición

Na Noite da Edición, que se vai celebrar en Compostela, no Hotel A Quinta da Auga, teñen confirmada a súa presenza personalidades da sociedade galega, do mundo do libro, a cultura, e a política. O recoñecemento á edición histórica recaerá este ano en Andavira Editora, fundada hai 25 anos co nome de Edicións Tórculo.

Actuará como mantedora da gala a xornalista Iria Pinheiro.