Print this page

A AELG nomea 'Escritor Galego Universal' ao escritor asturiano Antonio Gamoneda

Rate this item
(0 votes)

A Asociación de Escritores en Lingua Galega decidiu outorgar o galardón "Escritor Galego Universal" ao escritor ovetense Antonio Gamoneda.

A Asociación de Escritores en Lingua Galega destaca con esta mención a altísima poesía  e o insubornábel compromiso ético do autor, para quen o individuo, e por tanto o poeta, se realiza na poesía como forma de coñecemento. Con motivo da entrega do premio, Antonio Gamoneda estará en Galicia en abril. O día 29 ofrecerá unha conferencia na cidade da Coruña e o 30 asistirá á Cea das Letras, organizada pola Asociación de Escritores.

Nacido en Oviedo en 1931. A obra de Gamoneda esténdese desde o 1960 -con Sublevación inmóvil- até hoxe marcada por unha fonda pegada ética que gaña forza nun exemplo de coherencia e verdade poética.

Premio Cervantes en 2006, reivindícase como pertencente á cultura da pobreza: o sufrimento social penetra na súa conciencia lingüística, conferíndolle unha linguaxe poética e semanticamente subversiva. Combina un poderoso dominio do idioma cunha permanente actualidade do seu mundo poético nacida da asunción da propia historia persoal e colectiva.

O recoñecemento europeo e americano revélase na tradución da súa obra a distintas linguas.