Print this page

A 46ª edición da Feira do Libro da Coruña acollerá máis de 100 actividades ata o 10 de agosto

Rate this item
(1 Vote)

A Feira do Libro da Coruña abriu na mañá de onte as portas da súa cuadraxésimo sexta edición, que ofrecerá un programa de máis dun cento de actividades ata o vindeiro 10 de agosto. Algúns dos escritores e escritoras máis destacados de Galicia participarán durante os próximos días neste encontro, que conta con preto de 40 stands para ofrecer un completo panorama do ámbito editorial, cos títulos máis recentes.

A boa acollida de público coa que vén contando a Feira do Libro da Coruña tradúcese este ano nunha oferta cultural con máis de 100 actividades para promover o libro e a lectura, entre as que non faltarán as habituais presentacións e sinaturas de libros, xunto con contacontos, exposicións, visitas guiadas, obradoiros espazos de debate etc. Este programa contará coa participación dalgunhas das voces máis recoñecidas do panorama literario nacional, como Manuel Rivas, Ledicia Costas, Elena Gallego, Pedro Feijoo, Marilar Aleixandre e Andrea Maceiras, entre outros.

A programación da feira, que contou co pregón de Cristina Ameijeiras-Sáiz, directora da Biblioteca Municipal Ágora, deu paso a un completo programa de actividades que satisfarán os gustos de todos os públicos nestes días.

As portas da feira estarán abertas nos xardíns de Méndez Núñez de 11.00 h. a 14.00 h. e de 18.00 h. a 20.00 h.. Na fin de semana, o peche en horario de mañá será ás 14.30 h.

 

Xardín dos libros

Durante os 10 días de celebración da Feira do Libro da Coruña, ademais das actividades, presentacións e firmas que habitualmente organiza a Federación de Libreiros, a Feira tamén contará co espazo denominado Xardín dos Libros, que ofertará actividades de corte infantil e para todos os públicos especificamente deseñadas para estimular a presencia de menores na Feira do Libro, así como ser non só espazo de tránsito, senón tamén de estadía e contacto cos libros, incluíndo visitas guiadas ás casetas e todo tipo de actividades escénicas e musicais.

Carpa das librarías

Tamén haberá unha carpa propia das librarías coruñesas na que todos os días se presentarán actividades e obras, primando especialmente, aos e ás creadoras locais. Os comercios colaboradores son Santos Ochoa, Sueños de Papel, Metrópolis, Xiada, Ancora, Lume, Couceiro, Faro de los Tres Mundos, Alita, Berbiriana, Formatos, Cascanueces e Arenas.

O groso das actividades fa Carpa das Librarías, nas que se englobarán tanto presentacións de libros como talleres para adultos e charlas e coloquios de carácter literario, terá lugar todos os días de duración da Feira do Libro entre 20.00 h. e 22.00 h. As actividades desenvolvidas polas librarías coruñesas publicitaranse, ademais, por medio das redes sociais (https://twitter.com/librariascoruna e https://www.facebook.com/librariasdacoruna ).

Brincadeira de ilustradores

Como exemplo de actividades da Carpa das Librarías destaca a denominada Brincadeira de Ilustradores e Ilustradoras, que terá lugar o 5 de agosto, en horario de 12.00 a 14.00 horas e durante a tarde de 19.00 h. A 20.00 h.

O evento está coordinado por David Pintor coa colaboración da libraría Cascanueces para dar un maior protagonismo á ilustración dentro das actividades que se celebrarán dentro da Feira do Libro da Coruña. Inspirada na Trobada d'il•lustradors que organiza dende hai 10 anos a libraría Casa Anita en Barcelona, será unha oportunidade moi interesante de levar á casa libros asinados de ilustradores tan prestixiosos como Emilio Urberuaga, Elena Odriozola, Carmen Queralt, Iban Barrenetxea e moitos máis.

Na Brincadeira de ilustradores, que terá lugar de 12.00 h. a 14.00 h., estarán asinando libros os e as ilustradoras Emilio Urberuaga, Elena Odriozola, Carmen Queralt, Iban Barrenetxea, Jacobo F. Serrano, David Pintor, Oscar Villán, Victor Rivas, Nuria Díaz e Dani Padrón.

Xa pola tarde terá lugar unha mesa redonda titulada Qué pintamos aquí? coordinada por David Pintor e onde participarán Emilio Urberuaga, Elena Odriozola, Carmen Queralt e Iban Barrenetxea.

 

Ante os posibles temas que xurdirán nesa mesa de ilustradores preguntamos a un dos nosos ilustradores máis internacionais e coordinador do acto, David Pintor, sobre algunhas cuestións que afectan directamente ao seu traballo como ilustrador.

Cal sería a dificultade principal que padecedes os e as ilustradoras hoxe en día en Galicia?

Sen dúbida que o noso maior problema, á hora de desenvolver o noso traballo como ilustradores é a precariedade laboral do noso sector.

Dito doutro xeito, pódese vivir do traballo de ilustración hoxe, especialmente no caso concreto galego?

Claro que é posible, pero non é doado. Supoño que ao igual que ocorre con outras moitas profesións. Cinguíndonos ao caso específico de Galicia o sector editorial tería que resolver asuntos como o da precariedade laboral que mencionaba antes, a internacionalización ou o da profesionalización se quere conseguir un ámbito máis favorable para a profesión de ilustrador. Ata que iso ocorra, seguiremos vendo como os debuxantes marchan para crear riqueza cultural e económica noutros países. De todos os xeitos, o de "marchar" non debería ser unha consecuencia, senón que debe ser unha vantaxe que temos que aproveitar os ilustradores, dado o carácter global da nosa profesión.

Hai uns anos o traballo do ilustrador estaba totalmente supeditado ao autor do texto. Mellorou isto nos últimos anos?

Eu creo que si. Agora mesmo o noso traballo ten unha presencia e unha relevancia moito maior.

Queda aínda camiño por percorrer?

Aínda queda moito traballo por facer, pero o futuro será mellor na medida en que se valore o traballo dos ilustradores.

Como pensa vostede que o lector percibe a figura do ilustrador? Falta por visibilizar o labor que desenvolvedes? De feito vostede leva nas páxinas de La Voz de Galicia a sección Ilustrando en Galicia.

Visibilizar o traballo que se fai sempre é positivo. Axuda a dignificar a profesión, e a que a xente descubra o valor das ilustracións nun mundo coma o de hoxe en día, dominado pola imaxe. O espazo que ocupa o traballo dos ilustradores nos medios de comunicación é aínda moi reducido, sobre todo tendo en conta que nunca houbo en Galicia tantos e tan bos profesionais. A sección Ilustrando en Galicia é un intento por ampliar ese espazo. A Brincadeira de Ilustradores que terá lugar este sábado é tamén un intento por crear un espazo estable dentro da Feira do Libro de A Coruña, adicado aos ilustradores, como parte importante do sector do libro.

Un dos asuntos máis espiñosos é o tema dos dereitos de autor. Non sei en que punto vos atopades respecto a outros elos da cada editorial.

Non teño información abondo para facer unha análise fonda deste tema, pero creo que sería importante poñer sobre a mesa o reparto dos dereitos entre todos os axentes que participamos no proceso editorial, e reflexionar sobre ese reparto.

Daredes o sábado algunhas pautas ou consellos para todos eses ilustradores que están dando os seus primeiros pasos neste mundo e que non saben moi ben como empezar ou como actuar para dar a coñecer o seu traballo?

A mesa redonda é moi aberta e a miña idea é que os propios participantes sexan os que vaian definindo por onde queren ir. De tódolos xeitos, a participación do público vai ser importante e se hai ese tipo de preguntas de seguro que intentaremos formulalas.

 

Logo do seu paso pola Coruña, as Feiras do Libro de Galicia chegarán neste mes de agosto a Viveiro, do 13 ao 16; a Foz, do 17 ao 20; e a Monforte de Lemos, onde concluirá a edición de 2017, entre os días 23 e 26.