Print this page

2011. Ano Xoán Manuel Pintos

Rate this item
(0 votes)

San Idioma Galego

sexa conmigo, pois ao pé

da súa capela e debaixo

do seu alpendre

vou facer eu esta romería

A gaita gallega, 1853

O 16 de decembro de 1811 naceu no barrio do Burgo de Pontevedra Xoán Manuel Pintos, unha das figuras máis importantes da nosa literatura por ser pioneiro na dignificación de Galicia e da súa lingua.

No bicentenario do seu nacemento o Concello de Pontevedra, en colaboración con diversas entidades da capital do Lérez, dedicará o 2011 a este autor pontevedrés.

A programación do Ano Xoán Manuel Pintos vai cumprir dous obxectivos fundamentais.

En primeiro lugar, mellorar o coñecemento da obra e a figura de Xoán Manuel Pintos. É dicir, a programación vai servir para difundir os escritos de Pintos e o papel que xogou en Pontevedra e en Galicia, así como tamén para promovermos o seu estudo nos ámbitos académicos e científicos.

Por outra parte, o Ano Xoán Manuel Pintos quere contribuír decididamente á normalización da lingua galega, xa que Pintos, ao longo da súa vida e da súa obra, reflexionou sobre o papel que a lingua propia de Galicia debe desempeñar no país, mais tamén sobre as necesidades de Galicia da súa época. Durante este ano, o Concello de Pontevedra vai facer explícito o seu compromiso de sumarse, tal e como expresou Pintos, á “reclamación da dignidade” da boa vila e do seu idioma.

Para levar a cabo estes obxectivos, desenvolveranse ao longo deste 2011 múltiples actividades.

O sábado 22 de xaneiro de 2011 ás 12.00 h., o Plenario da Real Academia Galega reunirase en Sesión extraordinaria pública no Teatro Principal de Pontevedra, na que intervirán:  Xosé Luís Axeitos, Rosario Álvarez Blanco, Xosé Ramón Barreiro Fernández e Xesús Alonso Montero.

Do 6 ao 9 de abril terá lugar o Congreso Xoán Manuel Pintos. Actualidade e compromiso. Organizouse un roteiro pola Pontevedra de Xoán Manuel Pintos con paradas significativas. Para o mes de novembro entregarse o premio Xoán Manuel Pintos, que ten como finalidade recoñecer a aquelas persoas, empresas, asociacións ou entidades radicadas en Galicia que impulsan o galego e a súa presenza na sociedade e manter viva a memoria dunha das figuras máis importantes do Rexurdimento.

Toda esta información pódese ampliar na web instaurada polo Concello de Pontevedra para conmemorar o bicentenario de Xoán Manuel Pintos http://anopintos.pontevedra.eu

Nesa mesma páxina o visitante poderá atopar unha biblioteca onde se irán engadindo material sobre a obra e a figura de Pintos, como o folleto publicado no 2003 pola conmemoración do 150 aniversario da publicación de A Gaita Gallega.