Print this page

20 anos do Certame Manuel Murguía de narracións breves

Rate this item
(0 votes)

No ano 1991 nacía no Concello de Arteixo un certame literario que, co paso do tempo, terminou por afianzarse como unha das citas literarias máis importantes de Galicia, o Certame Manuel Murguía de narracións breves. Autores como Marilar Aleixandre, Xesús Manuel Marcos, Rosa Aneiros, Xavier Alcalá, Bieito Iglesias ou Antón Riveiro Coello acadaron dito premio.

Vinte anos despois, cunha traxectoria impecable ás súas costas, o Certame Literario Manuel Murguía preside un mes de citas culturais para conmemorar a efeméride.

O venres 13, ás 20.00 horas, inaugurarase a mostra 20 anos de Certame Manuel Murguía, e a continuación a Alcaldesa, Pilar Souto, e o concelleiro de cultura, presentarán o libro De Eirugas a Bolboretas, unha recompilación dos relatos gañadores dos dous últimos anos, editada pola Deputación da Coruña, coa que se completa a revisión dos artigos gañadores.

A entrega do galardón deste ano 2011 terá lugar o sábado 14 de maio, ás 17.00 h., no Auditorio do Centro Cívico de Arteixo. O acto contará coa representación da Compañía Entremáns, que porá sobre o escenario a súa coreografía Si, quiero, e completarase coa plantación dunha árbore conmemorativa.

O martes 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas, realizarase a tradicional ofrenda a Manuel Murguía no busto conmemorativo situado en Solymar, ás 13.30 h.

O venres 20 de maio, o teatro de Chévere será o protagonista coa obra Citizen, e o sábado 21 chega o momento da música co concerto didáctico do grupo de cámara Tactum (Barcelona), que interpretarán Hansel y Gretel.

Os actos conmemorativos rematarán o vindeiro 27 de maio, coa escenificación de 0.7% Molotov, de Teatro de Ningures, a obra gañadora do XIV Premio de Teatro Rafael Dieste da Deputación da Coruña.

Todas estas citas culturais servirán para rememorar 20 anos de literatura en galego, en nome dun dos máis ilustres veciños de Arteixo, Manuel Murguía.