Print this page

120 anos do poeta Avelino Díaz en Riotorto e Meira

Rate this item
(0 votes)

A Asociación Cultural Avelino Díaz de Meira, coa colaboración da Deputación de Lugo, do concello de Meira e do concello de Riotorto, organizan o programa Nadal Cultural 2017, un programa de actividades que conmemorará o 120 aniversario do nacemento do poeta nado en Riotorto Avelino Díaz.

O programa consta de actividades de toda índole, e inclúen desde recitados ou proxeccións de documentais, ata eventos estritamente festivos. Os días 22 e 23 de decembro desenvolveranse na Órrea (Riotorto) e en Meira, respectivamente, diferentes actos académicos que contarán coa presenza, entre outros, de Xosé López, Vicepresidente do Consello da Cultura Galega, ou de Xesús Alonso Montero, académico da Real Academia Galega, e ex-presidente da mesma.

No programa de actividades inclúese, igualmente, a presentación do volume 14 poemas, con edición crítica de Benigno Fernández Salgado, un conxunto de poemas que o autor lle enviara a Xosé Filgueira Valverde para seren publicados en Galicia. Os poemas están traducidos por diferentes especialistas ao francés, ao alemán, ao inglés e ao castelán.

O poeta Avelino Díaz y Díaz naceu en Santa Comba de Órrea (Riotorto) en 1897. Aos 10 anos marcha a Meira e tres anos despois collerá o camiño da emigración cara a Bos Aires. Retornaría en 1916 pero aos 22 anos marcha de novo de Galicia, onde non retornaría. Primeiro establécese en Cuba e un ano despois aséntase definitivamente en Bos Aires, onde morrería o 29 de marzo de 1971, no Sanatorio do Centro Galego, aos 73 anos de idade, case cego e enfermo de alzheimer. Foi enterrado no Panteón do Centro Galego preto de Castelao e Ramón Suárez Picallo, dúas grandes personalidades a quen Avelino admirou profundamente. Publicou Avelino en vida tres volumes poéticos, os dous primeiros (Flor de retama e Debezos) en 1947, próximo a cumprir os 50 anos, e o terceiro (Pallaregas) en 1963, con 65.

Dende hai varios anos, a Asociación Cultural Avelino Díaz ven solicitando á Real Academia Galega dedicar o Día das Letras Galegas a Avelino Díaz.

 

Programa

Venres 22 de decembro

19.30 h. Local da Órrea – A Terra de Miranda: Lacón Poético

Proxección do documental Riotorto emigrante: a voz dos retornados, de Vanesa Gómez Lourido e Miriam Bouso.

Presentación do libro de Avelino Díaz 14 poemas, por parte da poetisa mirandesa María José Fernández, con edición crítica e estudo previo de Benigno Fernández Salgado. Recital Poético.

Entrega á asociación de Veciños da Órrea do cadro A Órrea dende a Eirexa, por parte do pintor mirandés Antonio Rivas Pol.

Actuación do Coro de Riotorto.

Sábado, 23 de decembro

17.00 h. Centro Sociocultural de Meira.

Conferencia: Avelino, un periodista de raza; a cargo de Xosé López García, catedrático de xornalismo da USC e Secretario do Consello da Cultura Galega.

Presentación do libro de Avelino Díaz 14 poemas, con edición crítica e estudo previo de Benigno Fernández Salgado.

Conferencia: A voz nobre e conmovida de Avelino Díaz na poesía galega transterrada de Buenos Aires (1930-1970), a cargo de Xesús Alonso Montero, ex-Presidente da Real Academia Galega.

Intervención do Presidente da Asociación Cultural Avelino Díaz, Paco Veiga.

Actuación do Tango en Xaneiro.

20.00 h. Centro Sociocultural de Meira.

Musiqueando a Avelino, con actuación de Nove Ferreñas Pandereitas e outros grupos.