Print this page

Veu visitarnos... María Canosa

Rate this item
(1 Vote)

Hoxe visítanos María Canosa, ceense do 78 e de profesión narradora e poeta, aínda que tamén teña un título universitario que poña Enxeñeira de Camiños, Canais e Portos.

Leva escribindo dende moi nova. Aínda que escrita moito antes, con dezanove anos publica a súa primeira obra, Bramido maino, en ediciós do Castro. Dende entón, é raro o ano que non vexamos un ou varios títulos seus nos andeis das librarías, moitos deles destinados ao público infantil e xuvenil, facendo soñar aos nosos nenos e nenas con títulos como Entre papoulas, O Crebanoces, Faíscas, Acuario, Viaxes de inverno, Druídas, Pasen e miren ou Rubicundo, entre outros moitos e interesantes libros, que todos xuntos conforman a obra dunha referencia actual da literatura infantil e xuvenil do país.

Agradecémoste a túa visita, María!

 


 

Antes da escritora ven a lectora. Ue libros e lecturas foron importantes para vostede?

O máis importante de todo foi ter acceso aos libros. Un acceso natural e próximo, desde ben cativa. Xogar con eles aínda cando non sabía ler. E carrexar maletas de libros pola casa adiante, para velos, tocalos, ensinárllelos aos meus bonecos...

Gasteinos de tanto lelos. Sabíaos de memoria. Pero quizais os que máis marcaron a miña vida foron as lecturas que comecei a facer soa, sen axuda dos adultos. Asesorada por pais, mestres, bibliotecarios... pero aprendendo a elixir, e ser crítica. Creo que esta idade da infancia e adolescencia é moi importante, tamén para fomentar a lectura e o gusto por ela. E por suposto, marcáronme escritores como Xabier Docampo, Xoán Babarro, Manuel María, Paco Martín... miña nai (Concha Blanco) sen dúbida! Era fermoso ver todo o proceso!

E Castelao. Foi un descubrimento, un cambio. Unha porta que me levou por moitos camiños.

Empeza a escribir moi nova, en que momento sente a necesidade de contar as súas propias historias?

A necesidade estivo sempre aí. Non souben dela ata tempo despois de levar moito escribindo, precisamente por vivir comigo. Inventaba poemas desde que tiña tres aniños... imaxínate! Tomar consciencia de que era unha necesidade levoume tempo. E aprendino cando non tiña minutos para escribir e notaba que me faltaba algo, e que cando o facía, podía descargar todo o desacougo que levaba dentro.

A época da Universidade foi o momento no que máis consciente fun do que significaba para min a escrita.

Cales foron as motivacións que a levaron a escribir?

Comecei tan nova que ao primeiro era pouco máis ca un xogo. Logo converteuse nun reto, o de facer cousas distintas, buscar historias, personaxes, ambientes... o proceso da creación. E co tempo, chegou a necesidade e o compromiso. Ese acto de fe e responsabilidade que todo autor ten. Tamén os soños. Gústame soñar e axudarlles aos demais a facelo é algo fermoso, pero tamén de gran responsabilidade... aí chegaron tamén os medos. Tomar consciencia do que un fai é o que ten. Con todo, pódeme máis o compromiso que calquera outra cousa.

E a dirixir esa escrita cara o publico infantil?

Iso foi a procura de facer cousas novas. Poñerme límites novos.

Sempre fun escribindo para a xente da miña idade, e a medida que medraba eu, tamén o facía o público ao que dirixía os  meus relatos. Ata que un día decidín cambiar. Facer algo que non fose só para min. E pensei nos pícaros.

Foi ben difícil! Custoume un mundo! Fíxenme máis consciente do que significaba crear un universo para esa idade. Pero gustoume. E comprometinme tamén con iso. E aí sigo, aínda que tamén faga traballos para outras idades e doutros estilos.

Que importancia tivo o feito de escribir a presenza na casa dunha das grandes escritoras que temos en Galicia, súa nai Concha Blanco?

Recoñezo que moita, polo que comentaba antes. Por ver os libros coma algo próximo, que sempre andaban pola casa. Pero sobre todo, por non ter medo a enfrontarse a un papel en branco. Se pecho os ollos e penso en miña nai, eu véxoa no seu escritorio, ou lendo o xornal na sala, ou un libro. Case sempre cara a noite, cunha lámpada acesa.

Escribir non era estraño. Máis ben, un xogo.

Qué é o que busca transmitir coa súa literatura?

Buf! É unha pregunta de resposta complicada. Cada traballo, para min, é totalmente diferente a calquera outro, por iso busco obxectivos ben distintos. Hainos que teñen a intención de ensinar, outros só divertir, tamén achegarse á poesía, ou coñecer o noso medio, incluso só liberar o que levo dentro...

O que si me gustaría é que a miña literatura, por moi diferente que poida ser en cada unha das distintas versións, consiga precisamente transmitir, transmitir sensacións. Facer pensar, soñar, voar... abrir os ollos ou a mente... ou pechalos. Que cando remate o libro, a persoa que o lea quede uns segundos co pensamento remoendo. Iso para min sería dicir: obxectivo cumprido.

En que se basea para escribir os seus libros?

Resposta á galega: depende. Ás veces teño que documentarme, e outras, só deixo que a historia vaia mandando o que quere. Depende moito do tipo de libro e de historia que teña entre mans. Pero o que sempre manda, sempre sempre, é o corazón.

Escribo un pouco por impulsos, pero tamén é ben certo que, ata que collo o lapis, pasa moito tempo no que a historia xa foi medrando e madurando na cabeza, porque ata que é así, non sei como a vou contar, por onde comezar, o que vou dicir e o que vou calar... Logo todo pode mudar, pero para poder comezar, necesito tela mastigada dentro de min. E despois xa veremos!

Cando principia un proxecto literario, como idea a trama dese novo libro? Como xorden as ideas?

Estoume decatando de que son un pouco anárquica, ou desorganizada, porque levo varias preguntas ás que non vos podo responder cun esquema concreto, e iso que eu son moi organizada! Unha maniática da orde para moitas cousas!

Vexamos. As ideas poden xurdir da maneira máis inesperada... Non sabedes a cantidade de notas, frases, ideas, palabras, personaxes, nomes... que teño anotados en pequeniños papeis por aí adiante. Tarxetas, follas soltas, post-its... calquera cousa vale para suxeitar cun fío moi fino esa idea que se apareceu de súpeto. E a partir de aí, medra... e nunca sei en que dirección. Pero acabará por indicarma ela mesma.

A trama vouna moendo dentro, facendo un novelo con ese fío. Ás veces necesito facer un esquema, confeccionar capítulos, distribuír personaxes e accións. Pero outras veces, vouno deixando medrar segundo me pida, como acontece as máis das ocasións.

Qué xéneros son os seus preferidos á hora de escribir?

Relato curto.

Mantén algunha rutina de traballo?

Cando teño unha necesidade imperiosa por sacar a historia de dentro, porque me queima, si, pero non é o habitual. Normalmente déixome levar pola necesidade, e tamén polo resto do mundo... quero dicir con isto que ás veces, aínda que queira escribir, non podo facelo, por diversas circunstancias, así que non o fago e non pasa nada.

En xeral, son paciente, polo que escribo cando podo, ou cando o necesito. Non me presiono. Todo precisa do seu debido tempo, é por iso que tanto a historia como o día a día van marcando os ritmos da escrita.

Se estivéramos diante da súa mesa de traballo, que veríamos?

Varios botes con lapis e bolígrafos. Unha lámpada. Libros. Cadernos. Papeis. Unha caixa de plumas que me fixo meu pai. Un ordenador portátil. Material de papelería.

Notas de diverso contido.

E todo ordenado. Moi ordenado...

A importancia da ilustración na literatura infantil e xuvenil. Como é a súa relación cos ilustradores?

Ai, que sería dos libros infantís e xuvenís sen ilustracións!

Somos un equipo, ou así o vexo eu. Escritor e ilustrador, para este público, van da man. E por sorte, eu agora traballo directamente con algúns deles... e non sabedes que gozada! Cando comecei, o escritor e o ilustrador moitas veces nin se poñían en contacto... Agora xa non sabería traballar así. De feito, hai libros que están publicados que naceron man a man, e incluso “do revés”, inventando a historia para unhas ilustracións xa existentes.

Podería dicirnos algún ilustrador co que estea especialmente cómoda traballando?

Con todos os que traballei ultimamente: Dani Padrón, Noemí López, Marcos Viso, María Lires, Nuria Díaz...

Cando xa te une algo máis que o traballo... como non vou estar cómoda? Cando xa hai confianza... é que todo cambia.

Con Dani (Padrón) o traballo foi moi especial. Tomei moitos cafés, ou dei moitos paseos, ou falei moito... ou escribímonos moito... Dani é coma un irmán. Traballamos xuntos moitas historias. Criticámonos, corrixímonos, dámonos ideas, pensamos xuntos... e ás veces, namoramos das mesmas historias. Medramos xuntos, profesionalmente, e iso resulta especial.

Qué significa para vostede o oficio de escritora?

Un luxo e unha responsabilidade.

Cales son as principais dificultades á hora de dedicarse ao oficio de escritora?

Supoño que a económica. Quen é consciente de que os escritores comemos e non vivimos do aire? Pouca xente. Podemos darnos de alta como tales? Non... non estamos recoñecidos como categoría profesional.

Pero hai máis. Que valoren o que facemos, e como o facemos. Todo o cariño, esforzo, tempo, e bo facer que poñemos en cada traballo, en cada páxina, en cada liña. A responsabilidade e o compromiso que adquirimos coa nosa cultura. O compromiso co lector, que nos vai xulgar.

Escribir, ás veces, paréceme que non é máis ca un acto de amor e de fe, por iso é que os escritores existimos, porque resistimos. Sinxelamente.

Que é o mellor e o peor de se dedicar a escribir para o público infantil?

O mellor: a sinceridade dos nenos. Din o bo e o malo, o que lles gusta e o que non. E non che queda outra que aceptalo!

O peor: a literatura infantil segue a estar considerada de segunda categoría.

Pasaron case vinte anos da publicación do seu primeiro libro individual, Bramido maino (Ediciós do Castro). Como ve a evolución da literatura infantil neste período?

Vinte anos? Xa vinte? Claro... escribino con trece!!!

Acabo de sentir vertixe... e de ver pasar o tempo á velocidade do lóstrego diante de min. Pero vaia, penso que a literatura infantil medrou neste tempo. Hai máis voces, máis historias, máis puntos de vista... é moito máis plural e, polo tanto, rica.

Pero aínda lle queda camiño por andar. Merece un recoñecemento maior. Insisto. Axudar aos nenos a soñar é algo moi serio.

Mudou o seu xeito de ver e de entender a literatura infantil dende aqueles inicios?

Si, por suposto. Ao comezar a escribir nova, víao desde dentro. E agora véxoo desde fóra. O punto de vista é diferente, busco e dou máis co que escribo. Síntome con outra responsabilidade (e tamén cun medo maior), pois son máis consciente do que supón escribir para esta idade.

Que proxectos veremos en vindeiras datas da súa autoría?

Pois... como mínimo un álbum ilustrado e unha co-autoría dun libro de ciencia. Non vos digo que sempre ando buscando novos retos?