Atención! Este sitio emprega cookies e tecnoloxías similares.

Máis información

Acepto

En cumprimento do artigo 22.2 da Lei de Servizos da Sociedade da Información e conforme ao disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de dicembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal e demais normativa ou recomendacións que resulten de aplicación (tales como a Guía de Cookies da Axencia Española de Protección de Datos-AEPD), DataLib Servizos Documentais, S.L. informa aos usuarios da web de que o acceso a este sitio implica a utilización de cookies.

Unha cookie é un ficheiro que se descarga no seu ordenador ao acceder a determinadas páxinas web. As cookies permiten a unha páxina web, entre outras cousas, almacenar e recuperar información sobre os hábitos de navegación dun usuario ou do seu equipo e, dependendo da información que conteñan e da forma en que utilice o seu equipo, poden utilizarse para recoñecer ao usuario. Tal como recolle a "Guía sobre el uso de las cookies" da AEPD, segundo a finalidade para a que se traten os datos obtidos a través das cookies, podemos distinguir entre:

- Cookies técnicas. Son aquelas que permiten ao usuario a navegación a través dunha páxina web, plataforma ou aplicación e a utilización das diferentes opcións ou servizos que nela existan como, por exemplo, controlar o tráfico e a comunicación de datos, identificar a sesión, acceder a partes de acceso restrinxido, recordar os elementos que integran un pedido, realizar o proceso de compra dun pedido, realizar a solicitude de inscrición ou participación nun evento, utilizar elementos de seguridade durante a navegación, almacenar contidos para a difusión de vídeos ou son ou compartir contidos a través de redes sociais.

- Cookies de personalización. Correspondería a aquelas que permiten ao usuario acceder ao servizo con algunhas características de carácter xeral predefinidas en función dunha serie de criterios no terminal do usuario como por exemplo serian o idioma, o tipo de navegador a través da cal accede ao servizo, a configuración rexional desde onde accede ao servizo, etc.

- Cookies de análise. Son aquelas que permiten ao responsable das mesmas, o seguimento e análise do comportamento dos usuarios dos sitios web aos que están vinculadas. A información recollida mediante este tipo de cookies utilízase na medición da actividade dos sitios web, aplicación ou plataforma e para a elaboración de perfís de navegación dos usuarios de ditos sitios, aplicacións e plataformas, co fin de introducir melloras en función do anlaíse dos datos de uso que fan os usuarios do servizo.

- Cookies publicitarias. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíra nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado en base a criterios como o contido editado ou a frecuencia na que se mostran os anuncios.

- Cookies de publicidade comportamental. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíse nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado. Estas cookies almacenan información do comportamento dos usuarios obtida a través da observación continuada dos seus hábitos de navegación, o cal permite desenvolver un perfil específico para mostrar publicidade en función do mesmo.

As aplicacións de terceiros nos prestan o servizo de medición e análise da audiencia das páxinas da nosa web, descarga de vídeos e documentos, facilitar e monitorizar a conexión e a publicación de contidos entre a web de Fervenzas Literarias e redes sociais como Facebook, Twitter, Linkedin...

A información que obteñen está relacionada co número de páxinas visitadas, idioma, rede social na que se publican as nosas novas, cidade ou rexión á que está asignada a dirección IP dende a que se accede, o número de novos usuarios, frecuencia, tempo e reincidencia das visitas, navegador e operador ou tipo de terminal dende o que se realiza a visita.

Asimesmo elas mesmas poden utilizar estes datos para mellorar os seus propios servizos e para ofrecer servizos a outras empresas. Pode coñecer eses outros usos dende as ligazóns indicadas.

O control das cookies instaladas no seu equipo debe facerse mediante a configuración das opcións do navegador que use:

En cumprimento do establecido no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Personal (en adiante, LOPD), informámoslle de modo expreso, preciso e inequívoco que a información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador será utilizada coas seguintes finalidades: identificar a sesión e acceder a partes de acceso restrinxido.

Os destinatarios da información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador serán as seguintes entidades: O editor responsable da web e responsable do tratamento: DataLib Servizos Documentais, S.L.

Veu visitarnos... Breogán Riveiro

Rate this item
(4 votes)

Veu visitarnos nesta ocasión Breogán Riveiro. Breogán naceu en Montevideo no ano 1967 e aínda que principiou os estudos de Náutica o que verdadeiramente lle gustaba era o mundo do audiovisual, e o da literatura, por suposto.

A dicir verdade Breogán non é que sexa un autor que destaque por ter nos andeis das librarías un número moi alto de títulos, pero si unha produción literaria moi seleccionada e coidada; velaí están libros moi importantes como O afundimento do Tiránic (Baía), libro co que gañou o Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, na súa modalidade infantil, no ano 2006; ou A historia máis incrible que nunca liches (Deputación de Ourense), premio de Literatura Infantil e Xuvenil Pura e Dora Vázquez o mesmo ano. Pero sobre todo no imaxinario de moitos lectores relacionamos a Breogán Riveiro por ser o autor de Tonecho de Rebordechao (Galaxia), obra gañadora do premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil no 2004.

Nesta visita Breogán, ademais de falarnos de moitos temas, déixanos como agasallo un anaquiño da que será o seu vindeiro traballo.

Moitas grazas por vir visitarnos, Breogán!

 

 


 

Polo xeral, antes que o escritor ven o lector. Cales foron eses libros e esas lecturas importantes para vostede e que co paso dos anos aínda fican na memoria?

Difícil. Fun -e aínda son- un lector compulsivo. Lin -leo- de todo, e non sabería dicir que obras me marcaron máis. Si lembro moi claramente que o primeiro libro que merquei cos meus cartos, tiña eu oito anos ou así, foi 20.000 légoas de viaxe submarino. Fun mercalo expresamente ao centro da cidade, nos vellos almacéns de Barros -que xa non existen-. Quería a edición íntegra, non as versións curtas con debuxiños que nos daban aos cativos. Aínda conservo ese libro, así que podo dicir que o primeiro autor que me marcou, ou do que tiven conciencia como autor, foi Jules Verne. Nunca establecín -nin de cativo nin agora- diferencias entre a escrita “para adultos” e a escrita “para cativos”. Lembro que na biblioteca da casa había unha morea ecléctica e anárquica de libros mesturados -meu pai era un analfabeto autodidacta, e iso creaba un caos estupendo-, eu lía un autor ou outro sen pararme a pensar se estaban ou non dirixidos á miña idade. Supoño que iso foi o que máis me marcou.

Cales foron as motivacións que o levaron a escribir?

Cando falo con rapaces sempre digo que o que máis nos distingue como especie aos humanos é a necesidade que temos de contar -e de que nos conten- historias. Un tal Xabier P. Docampo di no seu blogue que o acto máis sublime de amor é contar unha historia. Eu non creo tanto, non creo que sexa un “acto sublime” -se cadra para alguén da calidade literaria do vello mestre Docampo si, pero no meu caso non-, pero se non é un acto sublime é, en todo caso, un acto necesario. Contar historias é a maneira na que os humanos aprendimos, compartimos coñecementos, comunicamos e emocionamos ao longo de millóns de anos. A escrita, simplemente, é unha plasmación técnica deses relatos que contabamos ao carón das lumieiras. Unha técnica que nos permite contar a mesma historia moitas veces, a diferentes oíntes e en infinitos lugares. Unha técnica marabillosa en si mesma, pero que carece de sentido se perdemos a perspectiva de para que naceu: para contar historias.

Escribir, para min, é unha necesidade. No fondo -confeso- gustaríame máis poder contar historias en directo, conectando cos oíntes como fan Carlos Blanco, Cándido Pazó ou Avelino González. Pero, por desgraza, non dou a talla e debo facelo por escrito. Unha técnica distinta para o mesmo fin.

E a dirixir esa escrita cara o publico infantil?

Non dirixo a miña escrita cara ao público infantil. Dirixo a miña escrita ao lector que eu fun -e que aínda son-. Creo na literatura de xénero, doada, aberta a todo o mundo. Hai pouco a profesora de teatro da miña filla, actriz e profesora de galego, unha muller moi valiosa e moi culta, comentábame que Tonecho de Rebordechao a ela non lle fixera nin fu nin fa, pero que á súa nai gustáralle moito. “Non como os rollos que me dás habitualmente”, díxolle. A min encantoume a frase da nai, e decateime de que -en realidade- escribín a obra para esa nai que non gusta de ler en galego porque non lle “prestan” esas obras. Escribo para amigos meus que non len habitualmente, para min mesmo, para unha das miñas fillas que non le máis que manga xaponés e para todo aquel que quixese pasar un intre doado lendo unha historia simpática. Coido que é importante, porque se non adquirimos as técnicas básicas de lectura en galego (a “mecánica”) ler é un calvario. Teño amigos galegofalantes ao cen por cen que non len en galego, porque non teñen adquirido ese hábito. En cambio si len en castelán, porque están afeitos a facelo. A literatura de xénero é importante porque permite adquirir esas técnicas, esa “mecánica” de maneira doada. César Mallorquí afirmaba no seu blogue que nun sistema literario non pode haber literatura de calidade se non hai literatura de xénero, e coido que ten razón. A literatura de xénero supón un “contrato” tácito entre autor e lector. E hai obras mestras que naceron como obras de xénero (e, en moitas ocasións, os seus autores foron deostados ata que o tempo puxo a cada quen no seu sitio).

Hai uns anos, nun encontro con lectores, un profesor de galego dun instituto -que non vou lembrar- díxome con indisimulado desprezo que aos rapaces gustáralles o “Tonecho” porque era “faciliño”. Pois si: reclamo unha escrita “faciliña”, reclamo non poñerlles aos lectores muros que teñen que escalar, senón escaleiras polas que poidan subir ás historias sen dificultade. Coido que todos os lectores pasamos unha época -alá dos dezaseis aos vinte e poucos anos- na que nos gabábamos de ter lido a “Fulanitez” ou a “Menganitez”, especialmente se eran autores estranxeiros con sona de intelectuais. O mesmo pasaba no cine, que presumiamos de ter visto cine checoeslovaco -cando aínda existía- ou un ciclo completo de certo autor afgán de nome impronunciable. Lembro que nunha sesión de cineclube discutimos durante vinte minutos se a imaxe estática que viamos na pantalla era una oda visual do director, ou se a súa intención era facer unha crítica endóxena ao inmobilismo do sistema socialista... ata que nos demos de conta de que o proxector estaba avariado e a imaxe ficara estática por erro. Coido que cos anos xa deixas de poñerte medallas por ter lido as obras completas de Dostoievski -a poder ser en ruso- ou a Kierkegaard en finlandés -que é como verdadeiramente se aprecia, máis incluso que na versión orixinal-, a Proust en latín ou o Ulises de Joyce en mandarín -que é como máis se goza, segundo din os entendidos-. Xa moi novo deixei de xogar a ese xogo de ver quen se puña máis medallas por ter lido obras difíciles: as obras que se me fan costa arriba e non me aportan combustible abondo para subir a costa non pagan a pena. Para min un escritor que pon barreiras que o lector ten que superar non é nada máis ca un mal escritor. Unha vez preguntáranlle a Manuel Rivas nunha conferencia se as súas obras eran demasiado liviás para ser literatura “de peso”. “Ponlle unha pedra” -foi a resposta de Rivas. Paréceme a resposta axeitada.

Tamén teño que dicir que son un enorme admirador da maneira anglosaxona de transmitir a información, en especial nos ensaios e libros divulgativos. Incluso nos libros técnicos atopas esa tendencia a poñer escaleiras, e non a obrigar ao lector a superar barreiras. Ata nas teses doutorais os anglosaxóns teñen tendencia ao “show”, e iso é bo.

A erudición é comunicación baleira se o receptor non comprende ao emisor pola teima hispana de poñer barreiras.

Que é o que busca transmitir coa súa literatura?

Así, en global? É certo que toda obra nos “vende” algo ideoloxicamente, xa sexa á maneira da clásica “sentenza” ou de forma máis sibilina e publicitaria. Pasa inevitablemente. Eu son de esquerdas, non podo evitar que as miñas obras tamén o sexan, pero iso non significa caer no panfleto, nin que os protagonistas das miñas obras sexan da miña mesma ideoloxía -os personaxes teñen tendencia a ter as súas propias ideas-. Tamén son consciente de escribir para todo o mundo, así que tento que non se me note demasiado a ideoloxía, pero claramente teño que estar a prol de certas cousas como a igualdade; unha sanidade, educación e seguridade de todos e para todos; a democracia plural ou o libre cultivo e comercio de grelos, nabizas e outras herbas. Supoño que todo isto nótase nos meus libros, porque é inevitable, pero non é un obxectivo “primario”. O obxectivo “primario” é que o lector o pase ben. Por outra parte escribo en galego, que xa de por si é un posicionamento ideolóxico moi claro: avogas pola supervivencia dun idioma que morre. Herexía! E non só iso: Pretendo que un lector o pase ben lendo en galego! Dobre herexía! Eu coido que iso xa é importante abondo. E aínda por riba está o humor, que exerce de crítica, de agulla que pincha as ideas e que fai pensar. O humor é unha ferramenta imprescindible da intelixencia, pero é a máis deostada de todas as ferramentas. Dá medo ás mentes cativas -e por “cativas” non me refiro ás mentes dos nenos-.

Agora ben, se a pregunta de “Que pretendo transmitir coa miña literatura?” é máis fonda, máis transcendente, sinto que non podo responder. Son o bastante maduro como para saber que unha obra literaria, ou unha película, non van cambiar o mundo. Confórmome conque fagan pensar a unha soa persoa uns poucos segundos. Iso de facer “a obra” definitiva, a obra que deixará en nada a todas as demais obras, a obra que fará que a humanidade comprenda, por fin, o magnífico, transcendente e imprescindible que é o autor, non é mais que vaidade baleira.

No audiovisual pasa que coñeces a xente que quere facer “a” película. Cando lle preguntas de que vai esa película, que historia vai contar, responden que non importa, que iso tanto lles ten, que non o saben. O que importa é que vai ser “a” película. A definitiva. Enorme. Abraiante. Será un “antes” e un “despois” no cinema. Esquecen que somos simples contadores de historias, nada máis.

En que se basea para escribir os seus libros?

Estamos rodeados de historias. Se miramos ao noso arredor atopamos historias que merecen ser contadas. Historias grandes ou cativas, épicas ou cómicas, de grandeza humana ou de mesquindade infinita. Somos historias.

Os personaxes xorden de mil maneiras distintas, ás veces como híbridos de persoas reais que coñezo ou de historias coas que me tropezo. As máis das veces non sei de onde veñen, e moito despois de ter descrito un personaxe, ao analizalo, atopo que ten cousas dun amigo, de min mesmo, dun irmán, dos meus pais...

As historias manan tamén por cen mil vías distintas. Ás veces o máis difícil -neste país surrealista no que vivimos- é facer “cribles” cousas reais pero que postas por escrito semellan absurdas. Tamén acontece o contrario, que escribes cousas pensando que son imposibles e resulta que a realidade copia á ficción, como unha obra de teatro que escribín sobre un publicista que decidía poñer a súa axencia como partido político para concorrer ás eleccións e gañar un posto de poder. Era un texto absurdo e surrealista, humorístico e aloucado... pero a historia fíxose real pouco despois nunha cidade cun faro do que non lembro o nome, onde se presentou un publicista usando as mesmas técnicas absurdas. Por sorte non era tan bo coma o meu personaxe de ficción, e non gañou.

Cando principia un proxecto literario, como concibe a trama dese novo libro? Como xorden as ideas?

Gústame ter claro o final, cara onde vai a historia, pero na realidade cada proxecto é un universo propio e caótico, ás veces conflúen varios relatos anteriores que se incorporan a unha historia, e ás veces os propios personaxes cambian a historia que estou a escribir, ou cambian de historia á metade, coma quen cambia de autobús. Supoño que se tivese que escribir en plan “profesional” tería un sistema e traballaría sobre el, pero como son un escritor amateur, non teño un tempo asignado a escribir, nin sequera un lugar. Sempre lle digo aos rapaces que fagan o que eu digo, e non o que eu fago.

As ideas xorden de calquera cousa. Agora mesmo, mentres escribo isto, temos unha cadeliña na casa. Naceu e viviu ata hoxe nun alpendre en Negreira. Nunca viu unha televisión, e está a mirar a tele fascinada polas luces mentres as miñas fillas lle buscan pulgas. Viu infestada de pulgas, que vías fuxir entre os pelos dos fociños. Eu, que son urbanita, nunca vira unha pulga na realidade. Non pode ser unha base dunha historia?

A miña filla pequena fala dunha rapaza. Fala dela como “a outra”. Un alcuño? Porqué lle chama “a outra”? Resulta que son tres amigas moi amigas, de sempre, de aquí. Van sempre xuntas, e a xente pasou a chamalas “a china, a negra e a outra”. Non hai nada de racismo na expresión. Unha é adoptada en China, outra é negra e outra... pois é “a outra”. Non ten nada que a identifique. Esta minihistoria ten as bases para contar moitas cousas.

O mundo está inzado de historias. Só hai que abrir os ollos -e as orellas-.

Agora volvo mirar a cadela que está entre as miñas fillas, coa vista fixa na tele, e escribo:

Duna tiña os fociños inzados de pulgas que tentaban fuxir. Aquelas dúas mulleres enormes buscaban entre a súa pel e atrapaban aos noxentos e fuxidíos insectos moribundos. Elas eran agradables, moito máis que o ogro xigantesco que debía mandar naquela manda estraña. Que pasaba? Onde estaba a mamá? Hoxe pola mañá -Duna lembrábao ben- axudara a perseguir a uns gatos alleos que tiveran a ousadía de achegarse ao alpendre. Non eran da manda, aínda que non acababa de comprender se os gatos “nosos” eran tamén da manda. Aínda estaba a celebrar a vitoria cando chegou un coche que non era o da panadeira, porque o da panadeira xa o coñecía e aquel era distinto, escuro e máis pequeno. E de súpeto sentiu que a collían, mirábana por todas partes sen pudor ningún, metíana nunha caixa de zapatos e... ao inferno! Para Duna aquela viaxe fora un inferno mareante. E despois o home estraño naquel lugar que ulía tan estraño. Tocouna, mirouna, fíxolle abrir a boca, obrigouna a tragar aquelo que sabía a raios e púxolle na caluga algo que cheiraba moi mal. E as mulleres e o ogro a carón dela todo o tempo. Serían a súa nova manda?

Cantas dúbidas. E a máis importante: Esa mesma mañá Duna chamábase Duna, ou non?

Duna é un personaxe inspirado nunha cadeliña real, pero tamén podería contar a historia dunha desas pobres pulgas condenadas a morte química de maneira horrible.

Outra das cousas que lles digo aos rapaces cando falo nos institutos é que fagan o esforzo de escoitar as historias que contan os seus vellos. Moitas das historias da súa propia familia vanse perder, e son un patrimonio inmaterial que lles pertence e que so poden herdar facendo o pequeno esforzo de escoitar. Os tesouros que poden gardar -rescatar, salvar- son enormes.

Que xéneros son os seus preferidos á hora de escribir?

Ficción, fantasía, humor...

A súa primeira incursión na literatura infantil e xuvenil foi con Tonecho de Rebordechao (Galaxia), co que gañou o Raíña Lupa do 2004 e un libro que aínda resoa na memoria de moitas e de moitos lectores. Que supuxo para vostede acadar ese premio e esa entrada na LIX?

Non foi a miña primeira incursión na Literatura Infantil e Xuvenil. A miña primeira obra publicada foi O vendedor de mazás (I Premio Cidade de A Coruña de Literatura Fantástica), era un tema entre ciencia ficción e misterio moi na liña da literatura xuvenil. A segunda, O asasino bífido, era humorística, doada, ácida... e foi malinterpretada e maltratada polos propios editores. O que si foi importante de gañar o Raíña Lupa é que Tonecho de Rebordechao tivo a sorte de ser editada por Galaxia, unha editorial potente e que os seus vendedores puxeron na man de mestres de galego exemplares para animar aos rapaces a ler en galego. Escribino con esa intención expresa: que fose doado de ler, agradable, non un libro para poñerse unha medalla ao rematalo, senón para rematalo cun sorriso.

Outro labor que desenvolve é o de guionista. É difícil separar ese traballo co de escritor ou existen moitos puntos en común?

Existen moitos puntos en común. Sempre digo que o meu traballo cotiá, no audiovisual, é outra maneira de contar historias. Un documental é unha historia -de feito teño discutido moito en seminarios sobre as fronteiras entre a ficción e o documental-. E, por suposto, un guión de ficción é pura literatura, tanto coma un texto de teatro. Se cadra esa conexión fai que teña escrito nos últimos tempos máis textos teatrais que outras cousas, con pouco éxito -debo engadir-. Se resulta difícil publicar narrativa, moito máis conseguir representar textos teatrais dirixidos a un público xuvenil e con humor (temo que dúas características negativas para os responsables de calquera sector cultural que se prece).

Con respecto ao humor, desprezalo é algo habitual na cultura de calquera país. Hai unha anécdota dun festival famoso -coido que un que copia o nome ao noso de Cans- na que unha película que estaba en concurso tiña unha boa acollida do público, que ría a cachón. Un dos directivos do festival saíu na metade da peli, e cando un xornalista llo botou en cara o home, para xustificarse, dixo “pero se non é máis ca unha comedia”.

Incluso, se nos fixamos, a palabra “pallaso” é unha aldraxe, e os actores hai tempo que desterraron o de “cómicos” para referirse á súa profesión. Prefiren outras palabras máis serias e respectables. O humor non ten boa prensa.

Mantén algunha rutina de traballo?

Non. Traballo a impulsos, o que -recoñezo- é a peor maneira de traballar. Tamén teño varios proxectos abertos á vez, o que é absurdo porque non dás rematado ningún a tempo. Son un caos, por desgraza.

Se estivéramos diante da súa mesa de traballo, que veríamos?

Non sei, non me atrevo a mirala. Para afondar no desastre vital no que me vexo mergullado a miña mesa de traballo foi usurpada polas miñas fillas e tiven que marchar ao exilio. Agora mesmo escribo as respostas a este cuestionario dende un portátil sobre o mantel a cadros azuis da mesa do salón-comedor. Prefiro non achegarme á miña mesa de traballo para evitar un conflito familiar grave. Teño para min que perdería.

A importancia da ilustración na literatura infantil e xuvenil. Como é a súa relación cos ilustradores?

En certas idades penso que a ilustración é moi importante, pero por desgraza nunca tiven un trato previo cos ilustradores das miñas obras. Sempre foi decisión da editorial. Gustaríame moitísimo poder facer de guionista nun álbum gráfico. Goscinny sempre me pareceu un xenio. Por desgraza, aínda non coñecín ao meu Uderzo. Sospeito que morrerei sen coñecelo.

Podería dicirnos algún ilustrador co que estea especialmente cómodo traballando?

Xa digo que non falei cos ilustradores antes de ver as miñas obras ilustradas. Por motivos do meu traballo no audiovisual puiden ver de preto a obra e o xeito de traballar de Antonio Seijas, que é un fenómeno, encantaríame poder traballar con el, pero tamén quedei moi contento das ilustracións de Xosé Tomás ou de Andrés Meixide, e non os coñezo a ningún dos dous. Unha mágoa.

De todas maneiras debe ser moi difícil equilibrar o traballo cun ilustrador. Nunha ocasión colaborei cun debuxante amigo, Joaquín Perales, nos guións dunha serie de debuxos animados chamada “Skornaboix”. As discusións foron enormes: eu quería unha animación de mínimos, centrada na historia, e el como debuxante quería potenciar o debuxo e a técnica de animación 3D. El era o director e as súas teses prevaleceron, e sigo pensando que foi un erro: a serie morreu antes de nacer. El ten un carácter forte e berrabámonos moito, en discusións que comezaban sempre no guión e remataban -por exemplo- na política exterior durante a guerra de Cuba. Discutiamos a berros paseando polo paseo marítimo de A Coruña. As colaboración son problemáticas. Penso que seguimos a ser amigos hoxe en día, pero teño as miñas dúbidas. Terei que chamalo, a ver...

Que significa para vostede o oficio de escritor?

Unha quimera. Unha utopía inalcanzable.

Cales son as principais dificultades á hora de entregarse a este oficio?

Sen dúbida un oficio que non permite vivir del non é un oficio. No meu caso teño claro que, estatisticamente, cada ano hai cinco ou seis galegos aos que lles toca a primitiva, e non creo que haxa cinco galegos que se poidan adicar profesionalmente á literatura en galego. Se é por cartos, xa que logo, resulta máis lóxico -estatisticamente- investir en primitivas e non en fotocopias das miñas obras. Se escribo -e en galego- é por outros motivos, non por diñeiro.

Que é o mellor e o peor de se dedicar a escribir para o público infantil e xuvenil?

O mellor é escribir para un público sincero, o peor deste público é que non é totalmente libre: non coñezo a moitos rapaces que vaian mercar libros en galego de “motu propio”. Por outra banda, non está demasiado ben visto escribir LIX. En xeral en Galicia -e en España- as literaturas de xénero son desprezadas. Coido que é un erro dos xestores da cultura en toda España -e Galicia non se libra dese erro, senón mais ben todo o contrario, abunda nel-.

Premio Raíña Lupa, o Barriga Verde de textos para teatro de monicreques na súa modalidade infantil, o Pura e Dora Vázquez da Deputación de Ourense. Mantivo en verdade un alto ritmo de traballo nuns anos, e logo, tras Olga e o dinosauro (Galaxia), o silencio. Por que?

Por varias circunstancias. A morte da miña nai -primeiro- e do meu pai -pouco despois- foron difíciles de xestionar animicamente. Ademais foron épocas nas que coincidiron con proxectos de ficción audiovisual que puiden levar a cabo e dirixir. Cando reiniciei o traballo como escritor resultou que me sentín moito máis atraido polo teatro, e -xa dixen- é un terreo no que resulta moi difícil entrar con textos con humor e para un público xuvenil. Eu coido que debería ser ao contrario, porque é o público que empeza a deixar de ir ao teatro e sería importante ter obras para “mantelos nas butacas”, para fomentar a afección polo teatro nesas idades tan complicadas, pero a miña visión non coincide coas necesidades das agrupacións teatrais.

Por outra banda teño que recoñecer que Olga e o dinosauro foi unha obra na que puxen moita ilusión, e que pretendía que fose a primeira dunha serie, cunha nena -á que chamei Olga- á que lle pasaban cousas fantásticas e nas que nunca se sabería se eran realidade ou froito da súa imaxinación, un pouco como o tigre Hobbes de Bill Watterson, que non se sabe ben se é real ou non. Pero a obra foi un fracaso en ventas, o que eliminou a posibilidade de seguir coa serie.

Aínda así sigo escribindo, neste mesmo ordenador no que escribo teño catro obras de narrativa rematadas e inéditas. Sempre falta tempo para lles dar esa última volta que sempre precisan. E sempre deixo os backups para mañá.

Teremos os lectores a sorte de ver en vindeiras datas novos traballos da súa autoría?

Por suposto! Non vos ides librar de min tan fácil! E como primicia fervenceira pego as primeiras páxinas da novela na que estou traballando, retocando, pulindo. Unha obra na que o protagonista, Ernesto Devesa, un programador informático e creador de apps e videoxogos, conta unha historia incrible, pero moi real. Por agora Ernesto -que como todos os personaxes, aínda de ficción, ten ideas propias- teimou en poñerlle á obra unha adicatoria un tanto estrafalaria a don Mariano Rajoy, pero non como político, senón como filósofo, pola súa famosa frase “Todo es mentira, excepto alguna cosa”, que penso que a pronunciou pensando nesta novela.

O nome provisional da obra é A Orde de Manuel María. Na realidade a obra está adicada ao meu pai e a varios escritores que tiveron a xentileza de concederlle a súa amizade. Un deles, Xosé Manuel Martínez Oca -un dos mellores narradores en galego, dito sea de paso-, díxome unha vez que eu non escribía mal de todo, pero que escollía fatal os títulos. Se cadra ten razón e A Orde de Manuel María non será o título definitivo. Non o sei. Velaquí vai o primeiro capítulo, titulado “A Sona”, sen corrixir e aínda verde, tal e como foi escrito polo protagonista, Ernesto Devesa García.

 

 

 

Buscar en Veu visitarnos >

Axenda LIX >

Lun Mar Mer Xov Ven Sab Dom
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
19
21
23
24
25
26
27
30

Nestes días >

No upcoming event!