Print this page

Xosé A. Neira Cruz gaña o II Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro

Rate this item
(0 votes)

O enigma do baúl pechado de Xosé A. Neira Cruz, é a obra gañadora do II Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, que convoca o Concello da Pobra do Caramiñal, a Editorial Galaxia e a A. C. Barbantia. O xurado do certame, composto pola escritora Patricia Mallo, a vocal da Asociación Cultural Barbantia Pilar Sampedro; e o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, decidiu por unanimidade declarar gañador o libro presentado por Xosé A. Neira Cruz.

O xurado destaca a fermosura da linguaxe poética empregada polo autor, malia tratarse a temática dunha cuestión dura e difícil como son as dificultades que moitas veces teñen as persoas inmigrantes para se integrar entre nós, tanto dende o punto de vista social como cultural. Ao tempo, o libro destaca por abordar a trama dende unha proposta que se achega ao realismo marabilloso que entronca perfectamente coa vella e fecunda tradición literaria que vén dende Cunqueiro ata os nosos días. Finalmente, salienta a habilidade narrativa para ter pendente ao lector ou á lectora durante todo o libro ao redor dun baúl e o enigma que agocha. O xurado coida que é un libro que pode servir, tamén, para sensibilizar ás lectoras e lectores sobre a importancia da defensa da igualdade e a loita contra dos prexuízos.

Este premio, que naceu o pasado ano para honrar a figura de Carlos Mosteiro, escritor fundamental da literatura infantil e xuvenil galega e fortemente vencellado á comarca do Barbanza, que finaba o pasado xullo de 2017; ao tempo que se aposta pola creación en galego para o lectorado máis novo. Na primeira edición o premio foi para Patricia Mallo e a súa obra Os Fantom. Neira Cruz, ademais da cantidade económica establecida nas bases do premio, verá a súa obra publicada os vindeiros meses por parte de Galaxia.

O compostelán Xosé A. Neira Cruz é xornalista, escritor e profesor na Universidade de Santiago de Compostela. Licenciado en Xornalismo e Filoloxía Italiana, é doutor en Ciencias da Comunicación e en Filoloxía Italiana. Autor de máis de 30 obras de creación literaria, recibiu, entre outros, o Premio Merlín, o Barco de Vapor, o Raíña Lupa, o Premio Lazarillo, o Fiz Vergara Vilariño de Poesía, o White Ravens, Barriga Verde, Manuel María de teatro, etc...