A obra Reo de Xesús Fraga, gañou o IX Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Raíña Lupa da Deputación da Coruña. O tribunal destacou a obra de Fraga entre os 34 traballos presentados por “escoller unha temática actual e unha linguaxe directa para rescatar valores”. Ademais, o xurado valorou a forma elixida polo autor para “falar da identidade dun rapaz adolescente que manifesta as súas inquedanzas a través da cultura urbana”.
Os membros do xurado tamén deixaron constancia de que a obra gañadora está de plena actualidade: “Reo contén interesantes reflexións sobre a realidades dos xoves dos nosos días”. O equipo de profesionais encargados de decidir o fallo reuniuse esta mañá na sede provincial co comisario do premio, Pedro Ramos, e estivo formado por Mercedes Uria, Begoña Llamosas, Javier Pintor, Paz Castro e Fernando Molezún.
Con este fallo, o xornalista, escritor e tradutor Xesús Fraga únese con Reo ao palmarés dos Raíña Lupa estreado no ano 1998 por Agustín Fernández Paz coa obra Cos pés no aire. A este seguíronlle Velaí vai o verme, de Mario Pereira; Resalgario de Antonio Reigosa; O armiño dorme de Xosé A. Neira Cruz; Tonecho de Rebordechao de Breogán Riveiro; Viaxe a Libunca de Antonio Yáñez; A peripecia de Roi de Carlos López e Centauros do Norte de Marcos Calveiro, o último galardoado.
A premio do Raíña Lupa, amais da cantidade económica estipulada nas bases do concurso, conleva a publicación da obra gañadora.