Hai unhas semanas coñecíamos que os libros Mortos de ningures (Everest Galicia), escrito por Pereledi (Pere Tobaruela e Ledicia Costas) e ilustrado por Andrés Meixide; e O noso amor será eterno (Xerais) de X. H. Rivadulla Corcón, eran os gañadores dos premios Frei Martín Sarmiento nas categorías de 1º e 2º de ESO e 3º e 4º de ESO e Bacharelato, respectivamente. Agora deuse a coñecer o título do libro gañador da categoría de 1º e 2º de Educación Primaria. Trátase de Vou ter un irmán (Galaxia) de María Solar e ilustrado por Xosé Tomás. O nome da obra gañadora coñeceuse no transcurso dun acto celebrado no colexio La Salle de Santiago de Compostela.
Vou ter un irmán é un libro protagonizado pola incerteza que unha nena sente cando os seus pais lle din que vai ter un irmán.
O premio Frei Martín Sarmiento, organizado pola Comisión de Normalización Lingüística de Escolas Católicas de FERE de Galicia, concédese ás mellores obras de literatura infantil e xuvenil escritas en galego, máis outra categoría para adultos. Este premio ten a singularidade de que os gañadores son elixidos a través do voto dos seus lectores finais, onde participan ao redor de 2.500 nenas e nenos a través do colexio.