Print this page

Varios libros galegos entre o mellor do 2020 da Fundación Cuatrogatos

Rate this item
(0 votes)

A Fundación Cuatrogatos vén de publicar os libros gañadores do Premio Fundación Cuatrogatos, un catálogo de libros publicados a nivel hispanoaméricano, editados en lingua castelá, altamente recomendados polos seus valores literarios e plásticos que merecen ter unha grande difusión. Para escoller os libros gañadores do Premio Fundación Cuatrogatos 2019, un comité de lectores tomou en consideración ao redor de 1194 publicacións e literatura infantil e xuvenil provenientes de 182 editoriais de 16 países. 

O resultado son 20 títulos gañadores, outros 20 finalistas e outros 100 recomendados. Unha listaxe onde atopamos unha nutrida presenza galega en forma de autoras e autores, ilustradores e editoriais do noso país.

Entre as obras gañadoras atopamos dous títulos da editorial pontevedresa Kalandraka. Trátase de Mi Lazarilla, Mi Capitán (dispoñible en galego como Miña Guía, Meu Capitán) de Gonzalo Moure e ilustracións de María Girón; e Mientras tú duermes, de Mariana Ruiz Johnson.

Como finalista outra obra de Kalandraka, Siete llaves para abrir los sueños (versión en galego Sete chaves para abrir os soños) de Alfredo Gómez Cerdá e do ilustrador galego David Pintor.

E entre as obras recomendadas varios libros: ¡Cuidado con la charca! (versión en galego Coidado coa charca!) de Emilio Urberuaga e José Carlos Román, publicado pola editorial coruñesa Bululú; Leyendas del recreo (Anaya) do herculino El Hematocrítico e ilustrado por  Albert Monteys (podemos atopalo en galego como Lendas do recreo, publicado por Xerais); Un fermoso ovo branco (Triqueta Verde) de Paula Carballeira e ilustracións de Miguel Cerro; Arbolidades (Kalandraka) de David Hernández Sevillano e ilustracións de Maite Mutuberria; e a versión en castelán da obra 22 segundos (Loguez) de Eva Mejuto, publicado orixinalmente en galego en Xerais co mesmo título.

A Fundación Cuatrogatos é unha organización sen fins de lucro creada en Miami, Estados Unidos, polos escritores Sergio Andricaín e Antonio Orlando Rodríguez para traballar en prol da cultura e a educación. Entre os seus principais obxectivos están a investigación e o estudo da produción editorial en castelán dedicada aos lectores infantís e xuvenís.

Additional Info