Print this page

Unha viaxe de ida e volta, animación á lectura en Compostela

Rate this item
(2 votes)

Unha viaxe de ida e volta é o lema da XII Campaña Municipal de Animación á Lectura que se realizará ata o 31 de maio na Galería Sargadelos de Santiago, organizada polo Departamento de Educación do Concello de Santiago e Kalandraka Editora.

Sesións de contacontos, obradoiros de escrita creativa e ilustración, visitas guiadas pola exposición de ilustracións, libros e elementos tridimensionais... son algunhas das actividades coas que os escolares de Compostela e o público xeral poderán gozar.

A programación está dirixida ao alumnado das Escolas Infantís de Conxo, As Fontiñas, San Roque, Polígono do Tambre e Trasparlamento. Tamén participan escolares de primeiro, segundo e terceiro ciclo de Educación Primaria. Na xornada inaugural realizouse unha presentación da campaña ao profesorado para explicarlle os eixos temáticos da campaña: as viaxes como fío condutor dun percorrido imaxinario a través de continentes, culturas, idiomas, tradicións e historias diferentes que enriquecen o coñecemento e a formación a nivel individual e colectivo.

A viaxe de Olaf, de Martín León Barreto, que gañou o IV Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, é o libro do que parten as propostas e que dá pé a introducir outras obras procedentes de Asia, América, África e  Europa.

Unha das salas está especialmente adicada a homenaxear a unha das principais figuras das letras galegas no centenario do seu nacemento, Celso Emilio Ferreiro, cunha proxección de imaxes que resumen a súa traxectoria vital e cunha exposición das ilustracións do artista plástico Baldo Ramos para o libro Celso Emilio Ferreiro, escolma poética, editado por Faktoría K.

A XII Campaña Municipal de Animación á Lectura do Concello de Santiago non só consta de actividades escolares concertadas, senón que tamén está aberta á cidadanía da bisbarra compostelá. O sábado 28 de abril, a partir das 12.00 h. na Galería Sargadelos, haberá unha sesión de contos e música para familias, profesorado e público en xeral.

Para o sábado 12 de maio en horario de 11.30 h. e 12.30 h. programáronse dúas sesións especiais de contos para bebés de cero a tres anos acompañados dun adulto, que se artellarán en base a cantos, rimas e contos para idades temperás, como os da colección “Do berce á lúa”. Ámbalas actividades teñen prazas limitadas, polo que cómpre facer as reservas a través do Departamento de Educación do Concello de Santiago.

O acto de clausura da XII Campaña Municipal de Animación á Lectura celebrarase o 26 de maio ás 12.00 h. cunha sesión de contos e música, e unha última visita guiada á exposición de ilustracións, libros e elementos tridimensionais. Trátase dunha actividade gratuíta e aberta a público de todas as idades, que contará coa colaboración dos alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música de Santiago.