Print this page

Unha nova edición do Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil da Uvigo tratará a lectura como ferramenta de equidade

Rate this item
(0 votes)

Ledicia Costas, María Lado, Yolanda Castaño, Esther F. Carrodeguas e Carlos Negro serán os protagonistas que ao longo do mes de outubro se achegarán á Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense para participar nunha nova edición, a cuarta, do Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil.

A iniciativa, coordinada pola profesora deste centro Isabel Mociño e organizada pola Universidade de Vigo coa colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e do goberno de Galicia, ten como obxectivo enriquecer a formación das e dos docentes e futuros docentes, especialmente estudantes de Educación Infantil e Primaria, en materias relevantes para o seu desenvolvemento profesional.

Ademais deste obxectivo principal, como eixe temático transversal do ciclo escolleuse A lectura como ferramenta de equidade. Trátase de empregar a lectura como “unha ferramenta para a formación, para facérmonos conscientes da necesidade dunha sociedade máis equitativa na que todas as persoas teñan as mesmas oportunidades independentemente das súas características e necesidades particulares”, segundo as palabras de Mociño para a Universidade de Vigo.  

A programación do Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil arrancará o día 2 de outubro cunha conferencia de Ledicia Costas titulada Luces e monstros, da realidade á fantasía que permitirá ao público asistentes escoitar a unha das autoras máis lidas en Educación Primaria no noso país e que ten unha presencia social e mediática moi importante. Seguiralle unha conferencia de María Lado o día 9 titulada Como pode a literatura cambiar (un pouco) a túa vida.

As sesións continuarán o día 16 de outubro coa intervención Chaves en letra miúda da poetisa Yolanda Castaño, unha figura mediática moi representativa da xeración dos 90. A penúltima das conferencias será a de Carlos Negro, titulada Versos para especies diversas (menú de aula). Pechará a actividade o día 30 de outubro Esther F. Carrodeguas, contacontos e actriz que permitirá ás e aos asistentes ao ciclo ver como se leva a literatura a outras formas de expresión a través de Cambiar as palabras.

Como en anteriores edicións, todas as conferencias celebraranse ás 18.00 h na Sala Emilia Pardo Bazán da Facultade de Ciencias da Educación en Ourense, estando abertas á asistencia do alumnado deste centro, dos estudantes do campus de Ourense, de docentes en activo e de público en xeral interesado nesta temática.