A Rede de Bibliotecas do Concello de Oleiros, unha das máis importantes e mellor funcionamento a nivel municipal do país, ven de publicar a guía de lectura para este verán Lecturas refrescantes. A guía componse de 308 recomendacións e xurde cun dobre obxectivo: presentar obras de calidade literaria, artística ou científica para animar a súa lectura, audición ou visionado e lembrar que un libro, un cd ou dvd son tamén un bo agasallo.
A escolla desta guía foi realizada por todo o persoal das bibliotecas de Oleiros, polo que nela poderán atopar publicacións moi diversas. Trátase dunha selección de obras de autoras e autores galegos, españois e internacionais, para diferentes gustos, intereses e preferencias. Boas historias e bos libros para ler, observar ou mirar, películas ou discos para gozar e compartir.