Print this page

Tres curtas de OQO na Mostra Internacional de Cine de Animación de Río

Rate this item
(1 Vote)

Tres curtametraxes de OQO filmes, A grande viaxe, A pota que trota e A cousa que máis doe do mundo, foron seleccionadas para competir na Mostra Internacional de Cine de Animación da Baixa Fluminense – Río de Xaneiro, que se celebrará neste estado brasileiro do 7 ao 11 de agosto.

As obras forman parte da serie infantil de animación audiovisual Os contos do Camiño e, xunto a outras tres curtametraxes (E que podo facer eu?; Fiz, o coleccionista de medos; e A incríbel historia da nenapaxaro e o galopín) recibiron este verán o Premio Especial do Xurado no festival Brasil Stop Motion 2011.

A serie, que se está emitindo actualmente na segunda canle da TVG, foi candidata á Mellor Serie de Animación na edición de 2010 do Festival Internacional de Cine de Animación de Annecy (Francia). Ademais, foi seleccionada na 50 edición do Festival Internacional de Cine para Nenos de Zlín (República Checa) e no Festival Internacional de Televisión de Barcelona, organizado polo OETI (Observatorio Europeo da Televisión Infantil).

Ao longo das cinco edicións realizadas, a Mostra de Cine de Animación da rexión da Baixada Fluminense (Baixada Animada) foise consolidando dentro do calendario cultural do estado de Río de Xaneiro ata alcanzar un alto nivel de participación e prestixio internacional.

Nesta edición compiten un total de 58 filmes, procedentes de España, Portugal, O Brasil, México, Chile, Ecuador e Arxentina, moitos deles avalados por recoñecementos doutros festivais.