Print this page

Segue polas bibliotecas do país o programa Ler conta moito

Rate this item
(0 votes)

O programa “Ler conta moito”, promovido pola Secretaría Xeral de Cultural en colaboración cos concellos, percorrerá durante este mes de setembro as bibliotecas e axencias de lectura de 27 concellos do país para lle achegar o libro e a lectura a toda a cidadanía en forma de obradoiros creativos, contacontos, espectáculos de danza, teatro e maxia, e actividades que teñen a música como protagonista.

Neste mes, o programa ofrecerá un total de 37 actividades en centros da Rede de Bibliotecas de Galicia dos municipios de Muxía (o pasado día 4 e o 26), Santiago de Compostela (días 8, 11, 12, 26), Ribadavia (día 11), Carballo (día 16), Esgos (día 17), Teo (día 18), A Capela (día 18), Lalín (día 18), Moaña (día 18), Verín (día 18), A Veiga (día 19), Neda (días 21 e 28), Oleiros (días 22, 25, 28, 29 e 30), Redondela (día 24), Monforte de Lemos (día 24), Cerceda (día 25), Pontevedra (día 25), Arteixo (día 25), Maceda (día 25), Ordes (día 25), A Coruña (día 26), Cervo (día 26), Carballedo (día 26), Catoira (día 27), Valga (día 27), Meis (día 30) e Cangas do Morrazo (día 30).

Con esta programación de “Ler conta moito”, os máis novos terán ocasión de darlles vida a personaxes imaxinados coa actividade Monicreques nas mans, a cargo de Larraitz, ou de gozar con O misterio do pirata Benito Soto, actividade na que Polo Correo do Vento lles achegará aos maiores de 3 anos unha historia de misterios na que non faltará a ilustración de temática pirata. Os contacontos serán protagonistas con propostas como Contando en feminino, da Asociación Cultural Lisístrata, para nenos e nenas de 3 a 12 anos; ou Contos que deixan pegada, na que Pavís Pavós lles transmitirán aos nenos e nenas a partir de 4 anos diversos valores a través de divertidas historias.

A maxia tamén estará presente nas bibliotecas durante as próximas semanas, con actividades como Maxia cómica, con Leo Leíño, para nenos e adultos; ou Contos de lobo, para nenos e nenas de 3 a 10 anos, no que Teatro Ghazafelhos mesturan a maxia, o circo e a hipnose para promover a lectura.

Tampouco faltará a música nas novas sesións de “Ler conta moito”, a través de propostas como Brinca vai!, de Paco Nogueiras; Merenda con pan de millo, un espectáculo de Migallas Teatro baseado no libro disco Pan de millo, ou Petiscos musicais, no que Os Tres Tenedores lles ofrecerán aos nenos e mozos de 4 a 15 anos un saboroso menú cunha mostra de diversos tipos de instrumentos, construción con materias de refugallo, estilos musicais, ritmos diversos e fermosas cancións, que farán desta viaxe a máis musical das aventuras.

Todas as actividades, de carácter gratuíto, son difundidas a través da rede no blog de “Ler conta moito” e poden consultarse nas páxinas web de Cultura e da Rede de Bibliotecas de Galicia.

 

Additional Info