Print this page

Rosalía pequeniña achega aos máis pequenos os versos rosalianos

Rate this item
(1 Vote)

Esta fin de semana botou a andar Rosalía Pequeniña, unha actividade da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) que pretende achegar, de maneira lúdica, a celebración do 150º aniversario da publicación de Cantares Gallegos, da man de textos de Rosalía de Castro interpretados por Uxía Senlle e Sérgio Tannus. Nesta serie de concertos, a xente miúda da casa terá oportunidade de gozar en familia dos versos rosalianos máis coñecidos adaptados aos ritmos actuais que lle achegan a tradicional muiñeira notas de rock ou de blues.

Os temas serviranlles aos asistentes para seguiren cantando en galego logo de rematada a función, fornecendo as primeiras idades de recursos para o tempo de lecer en lingua galega. Con esta iniciativa búscase, ademais de que toda a familia poda gozar dun bo espectáculo na lingua do país, a creación de espazos de uso de aprendizaxe a transmisión xeracional do idioma propio.

O primeiro dos pases de Rosalía Pequeniña tivo lugar onte en Pontecesures. Ata o remate do ano, pequenos e maiores poderán acudir a esta actividade en 40 concellos da RDL, sempre coincidindo en días non lectivos, con entrada libre ata esgotar o aforo.

Canda os concertos de Rosalía Pequeniña publicouse o libro homónimo este mesmo mes por parte da editorial Galaxia coas cancións do espectáculo recollidos nun libro-CD.

A segunda edición do programa de dinamización lingüística “FalaRedes” forma parte da acción que a Secretaría Xeral de Política Lingüística impulsa para os concellos adheridos á RDL, coa que se pretende complementar as iniciativas de promoción do galego que contén a propia planificación anual desta entidade.

O programa dinamizador contará con cinco iniciativas diferentes que se despregarán, con máis de 100 actuacións, por diferentes concellos pertencentes á RDL. Toda a información sobre FalaRedes está dispoñible no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2013 e tamén nas redes sociais.