Print this page

Rosa Aneiros gaña o II Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil sola Igualdade

Rate this item
(0 votes)
Rosa Aneiros Rosa Aneiros Foto: Ollo de Vidro-ACAB

A escritora valdoviñesa Rosa Aneiros ven de gañar a segunda edición do Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil sola Igualdade. Este premio está organizado polo Instituto de Estudos Chairegos, edicións Xerais e o concello de Vilalba.

O xurado da edición, formado por María Reimóndez, Manuel Bragado e Isabel Soto, acordou por unanimidade outorgar dito Premio á obra titulada Unha manta rillada que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Rosa Aneiros. Na plica, a autora manifesta que o título definitivo é: Tres bichiconas, dúas illas e unha serea.

Poa súa banda, o Xurado manifestou que esta novela infantil expresa a capacidade das crianzas para intervir en problemas sociais como a crise das persoas refuxiadas, utilizando a empatía e a comunicación interxeneracional como motores de transformación das vidas e da sociedade. Unha obra que dialoga con textos de Agustín Fernández Paz e reforza a idea do protagonismo de lectores e lectoras novos, non só como receptores de textos, reclamando a súa acción.

Este premio, que empezou a súa andaina o pasado ano coa obra gañadora Fóra do normal, de María Reimóndez, convócase para aquelas obras cuxa temática estea vencellada ao compromiso pola igualdade de xénero, raza, nacionalidade… 

Tres bichiconas, dúas illas e unha serea será publicada nos vindeiros meses en edicións Xerais.