Print this page

Redondela presenta o seu proxecto de bibliotecas a todo o estado

Rate this item
(0 votes)

O proxecto Sumando esforzos pola lectura, das Bibliotecas Municipais e Escolares de Redondela, foi un dos catro proxectos a nivel estatal seleccionado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte para ser presentado no V Encontro de Bibliotecas e Municipio que terá lugar o 1 de outubro en Madrid. As outras tres propostas proceden de La Puebla de Alfindén (Aragón), Torrox (Andalucía) e Girona (Catalunya). Estes encontros, que se celebra con carácter bienal dende 2005, pretenden afianzar a colaboración entre a administración local e o servizo de biblioteca pública para o desenvolvemento fundamental da comunidade. Convídase a representantes políticos do eido local e a profesionais das bibliotecas municipais para debater distintos temas de actualidade e se recollen exemplos de boas prácticas tanto nacionais como internacionais.

Ata Madrid desprazaranse, para explicar o proxecto Sumando esforzos pola lectura María Teresa París, concelleira de Educación; María Elena Becerra García, da Biblioteca P.M. Valle-Inclán de Redondela; María nx0woé Villar Fernández, da Axencia de Lectura Municipal de Chapela; e Laura Goldar Villar, do CEIP Alexandre Bóveda de Redondela.

O proxecto Sumando esforzos pola lectura naceu a partir da progresiva incorporación ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) da meirande parte dos centros escolares do concello de Redondela, cando xurdiu a idea de cooperación e integración dos diferentes recursos da comunidade cultural e educativa de dito concello. Unha das bases de colaboración é o composto polas bibliotecas escolares e municipais. Deste xeito nace a sistematización dunha relación que se concretou nun número mínimo de xuntanzas periódicas, rendibilización de recursos, actividades conxuntas e visibilización do traballo no eido bibliotecario.

O nexo motivador, dentro das actividades que comezaron a realizar ao unísono, foi o denominado "novena arte", a banda deseñada, que se configurou como elemento xerador de múltiples actividades (de lectura, formación, creación, etc).

Esta microrede de bibliotecas escolares e municipais, quere continuar “sumando esforzos pola lectura”, traballando polo seu mantemento, potenciando a implicación da corporación municipal nas diferentes propostas e fortalecendo a identidade de Redondela nos seus aspectos máis notorios.