Print this page

Premiadas seis bibliotecas polo seu bo labor

Rate this item
(1 Vote)

O bo traballo desenvolvido polas bibliotecas escolares dos centros educativos galegos vén de ser recoñecido no ‘Concurso Nacional de Buenas Prácticas para la dinamización e innovación de las bibliotecas de centros escolares 2011’, organizado polo Ministerio de Educación, e que no 2011 avalou o traballo de seis colexios e institutos que levan a cabo diferentes iniciativas para que as súas bibliotecas sexan espazos dinámicos que actúen como recurso didáctico e integrador para a mellora da calidade do ensino.

Na modalidade dirixida aos centros de educación infantil, primaria, especial e de persoas adultas foi galardoado cun primeiro premio o CEIP A Lama, de Pontevedra; cun segundo premio o CEIP Condesa de Fenosa, do Barco de Valdeorras; e con dous terceiros premios o CRA de Ribadumia e o CEP Xosé María Brea Segade, de Taragoña (Rianxo).

Doutra banda, na categoría destinada aos centros de educación secundaria, Formación Profesional, ensinanzas artísticas e Escolas Oficiais de Idiomas, recoñeceuse con dous terceiros premios o traballo do IES de Celanova e do IES Alexandre Bóveda, de Vigo

Os seis centros premiados destacaron entre todos os participantes por ter nas súas respectivas bibliotecas un instrumento educativo integrador arredor do que se fomenta a mellora da calidade do ensino en toda a comunidade escolar. Así, os fondos destas bibliotecas, son utilizados como fonte de información e de aprendizaxe nas distintas áreas e materias do currículo, e como ferramentas para mellorar as competencias lectoras e de aprendizaxe autónoma, ao tempo que se utilizan de forma natural e integrada as tecnoloxías da información e comunicación. Desta forma, as bibliotecas galardoadas constitúense en espazos nos que o alumnado adquire tanto competencia dixital, como coñecementos; aprende modos de buscar información, mellora a súa comprensión lectora e desenvolve a súa autonomía e iniciativa persoal.

Doutra banda, o xurado do concurso valorou especialmente a capacidade destas bibliotecas para implicar a toda a comunidade educativa – alumnas e alumnos, pais, nais e docentes –nas actividades desenvolvidas nelas; favorecendo así o traballo en grupo e o gusto pola lectura. Ademais tívose en conta a integración e atención da diversidade do alumnado con necesidades educativas específicas nestes espazos.