Print this page

Patricia Mallo gaña o I Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro

Rate this item
(0 votes)
Patricia Mallo Patricia Mallo Foto: Galaxia

 

Patricia Mallo gaña o I Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, así o decidiu un xurado formado pola escritora e académica Fina Casalderrey, a profesora Blanca Ana Roig Rechou e o director xeral da editorial Galaxia Francisco Castro, quen outorgou por unanimidade o premio a obra Os Fantom. A esta primeira edición presentáronse un total de 39 orixinais.

O xurado destacou da novela gañadora o seu marcado sentido do humor á hora de narrar a viaxe da familia Fantom, unha familia de pantasmas con superpoderes, dende a “cidade gris” ao “mundo de máis aló”, ao “mundo dos vivos, xunto á Cidade Xardín”. Así mesmo, sinalan que a narración conta cun ritmo áxil que se ve reforzado polas situación divertidas que van xurdindo nunha trama onde nada é o que parece ser. E salientan que Os Fantom é unha defensa da singularidade, da identidade de cada quen e da súa aceptación.

Patricia Mallo (Vigo, 1985) estudou Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo e traballou en países como México, Italia, Reino Unido ou a India. Tras escribir e producir a curtametraxe ¿Amigos?, o pasado 2016 debutaba na narrativa coa novela infantil Os Cabezombis na Mansión Espello (Galaxia), onde xa mesturaba os seus temas preferidos: o humor, o misterio e a fantasía.

O I Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, nacido neste mesmo ano, e convocado polo Concello da Pobra do Caramiñal, a Editorial Galaxia e a A. C. Barbantia, ten como finalidade honrar a figura de Carlos Mosteiro, escritor fundamental da literatura infantil e xuvenil galega e fortemente vencellado á comarca do Barbanza, que finaba o pasado xullo de 2017; ao tempo que se aposta pola creación en galego para o lectorado máis novo. Ademais da cantidade económica establecida nas bases do concurso, a obra gañadora será publicada por Galaxia na súa colección Árbore.