Print this page

Palabras de auga e Contos por teléfono, na Lista de Honra 2014 do IBBY

Rate this item
(1 Vote)

O libro Palabras de auga (Xerais) de Marcos Calveiro e ilustracións de Ramón Trigo; e Contos por teléfono (Kalandraka) de Gianni Rodari, con ilustracións de Pablo Otero e tradución de Carlos Acevedo, foron seleccionados para formar parte da Lista de Honra 2014 da Organización Internacional do Libro Xuvenil (IBBY) nas categorías de escritores e traductores, respectivamente.

A presentación do catálogo -que recolle un centenar de obras de todo o mundo- celebrarase o 12 de setembro en Cidade de México, con motivo do 34º Congreso Internacional da IBBY. Este catálogo estará presente en posteriores actividades da IBBY en países como Xapón, Rusia, Estados Unidos e Italia, no transcurso da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña en 2015. Ademais, o catálogo depositarase na Biblioteca Internacional da Xuventude de Munich e noutros organismos vencellados á literatura infantil e xuvenil en Rusia, Xapón, Estados Unidos, Eslovaquia e Suíza, onde a IBBY ten a súa sede central.

A Lista de Honra de IBBY é unha selección bienal de libros de recente publicación nos países membros da Organización, na que se destacan os escritores, ilustradores e tradutores que os realizaron. A súa consecuencia directa é unha maior divulgación destes título, o que contribúe a un coñecemento máis profundo destes libros por parte dos editoress internacionais e, por conseguinte, ao aumento considerable de traducións a outras linguas.

Palabras de auga xa fora premiada polas e polos lectores de Fervenzas Literarias na modalidade de Mellor Libro Xuvenil do 2012 e Contos por teléfono, na categoría de Mellor Libro de LIX traducida no 2011.