Print this page

Os nenos e as nenas lucenses dánse cita na III Semana do Libro e da Lectura

Rate this item
(1 Vote)

Onte tivo lugar, no salón de actos da Deputación de Lugo, a presentación da III Semana do Libro e da Lectura que organiza a Área de Cultura da Deputación na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos, e que nesta ocasión vai xirar en torno a algo tan presente na nosa cultura como é a superstición. No acto participou o delegado da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro. A Semana do Libro e a Lectura arrancará o vindeiro domingo día 22 ás 12.00 h., coa actuación de Pablo Trasno, que fará soñar aos nenos coa maxia, a risa, a emoción e a tenrura do seu espectáculo; e rematará o sábado día 28 ás 12.00 h., coa Fábula Galénica Fantoches Baj.

Como afirmou Mario Outeiro, “como en edicións anteriores, esta semana terá por obxectivo a realización de actividades relacionadas co libro, a lectura e a cultura por parte dos centros de ensino, para os que hai actividades pola mañá, e para as familias, en horario de tarde”. Como lembrou o delegado de Cultura, “esta semana tivo un grande éxito en anteriores adicións, e nesta tamén o está a ter, xa que todas as horas que os centros de ensino tiñan dispoñibles para traeren aos alumnos e alumnas están ocupadas, co cal ao longo dalgunhas mañás da semana que vén pasarán polo pazo de San Marcos ao redor de 400 nenos e nenas dos centros de ensino de Lugo. Polo tanto, agardamos que esta terceira Semana do Libro e da Lectura se volva a converter nun espazo no que as palabras sirvan para transportar aos nenos e nenas a mundos imaxinarios, cheos de fantasía, no que os máis novos pola súa imaxinación e creatividade sexan os protagonistas”.

Esta III Semana do Libro e a Lectura será un espazo aberto e dinámico no que os pequenos e pequenas, os libros, a fantasía, a ilusión e a creatividade serán os protagonistas. As actividades da mañá, dirixidas a centros de Educación Primaria e Educación Secundaria tanto da cidade como de outros concellos da provincia e realizadas en horario lectivo, incluirán contacontos e distintos obradoiros de ciencias, cociña, elaboración de monicreques, oralidade, ilustración ou de traballo con cartón. Achegarán aos nenos e nenas ao mundo do libro, fomentarán neles o gusto pola lectura e desenvolverán as súas capacidades creativas. As actividades para público en xeral son dirixidas a familias, que poderán gozar delas a partires das 18.30 h., e pretenden amosar a parte máis lúdica da lectura. Hai dende contacontos ata representacións teatrais e talleres de costura. A mostra compleméntase coa exposición permanente de ilustradores e ilustradores e dos materiais elaborados polo alumnado dos centros de ensino participantes.