Print this page

Os Bolechas pásanse á tele

Rate this item
(0 votes)

Se este verán a familia Bolechas deixouse ver en Facebook, Tuenti e Twitter, agora os populares personaxes creados por Pepe Carreiro dan o salto á televisión. Carlos, Loli, Pili, Braulio, Sonia, Tatá e Chispa debutarán o vindeiro luns 24 de setembro na Televisión de Galicia.

A serie de televisión Os Bolechas arrinca con oito capítulos de seis minutos de duración que serán emitidos tres veces ao día a través da TVG2, no marco do espazo infantil Xabarín Club.

Os muppets dos Bolechas representarán as divertidas aventuras que os fixeron famosos no eido da literatura infantil. O seu éxito radica en seren un referente próximo para os nenos e nenas galegos, tanto porque a familia está integrada por personaxes de diferentes idades que permiten conectar con cativos de 2 a 10 anos, como porque viven experiencias semellantes ás dos nosos nenos e nenas en espazos por eles coñecidos.

Os Bolechas estarán acompañados nesta nova andaina pola presentadora Ángela Blanco Lesta, “Xela”. Da manipulación dos Bolechas encárgase Caramuxo Teatro, co elenco artístico composto por Xose Manuel Esperante, Victoria Pérez Varela, Sabela Amado Rojo, Óscar Ferreira, Juan Rodríguez Santiago e Laura Sarasola Pontón. A banda sonora e de Manuel Rivero. A produtora encargada da realización é a galega Lúa Filmes, sendo a produción executiva e idea orixinal de Bolanda, edicións e marketing. Un equipo artístico e técnico formado por máis de vintecinco persoas.


Additional Info